Entre as principais melloras, a redución da fronte mínima para facilitar a construción de vivenda, a introdución de muros de contención e outras actuacións en terreos e a actualización das referencias ás normas de habitabilidade.
O Concello de Poio vén de avanzar un novo chanzo na actualización das súas normas urbanísticas, coa aprobación por unanimidade da modificación puntual das ordenanzas de edificación do PXOM no Pleno de maio.
A última versión do documento, que inclúe as alegacións e contribucións recollidas durante o trámite de información pública, será remitido agora á Xunta de Galicia para continuar coa súa tramitación.
A responsable de Urbanismo, Rocío Cochón, subliñou a importancia deste trámite, xa que é “a maneira de ter unhas ordenanzas adaptadas á Lei do Solo de Galicia vixente, ao regulamento que a desenvolve, en definitiva, axeitadas para abordar a realidade actual urbanística, económica e humana do noso concello”.
Entre as principais melloras que inclúe a nova versión das ordenanzas, destaca a redución da fronte mínima de 12 a 6 metros nas ordenanzas 5 e 6, referidas a vivendas unifamiliares: “É un cambio que beneficia á gran maioría de veciños e facilita a construción de vivenda e a edificabilidade en solares con falta de fronte á vía pública”.
Outras novidades son á introdución dos muros de contención e a posibilidade de realizar recheos ou vaciados para nivelar os terreos, así como a inclusión de elementos como marquesiñas, pérgolas e outras que non atopaban reflexo ata o de agora, e a actualización das referencias á normativa de habitailidade.
“En resumo”, subliñou Cochón durante a súa intervención no Pleno en defensa deste documento: “Melloramos de forma consensuada o Urbanismo de Poio e hoxe damos un paso en dirección á aprobación definitiva, que redundará en beneficio de todas”.
A edil agradeceu a unanimidade dos grupos e indicou que “o urbanismo é un ámbito no que cómpre ser, aínda máis se cabe, construtivos”.
“Poio é hoxe un concello mellor para vivir, para traballar, para visitar e para investir e o urbanismo ten un papel determinante neses avances. Un urbanismo responsable e adaptado ás necesidades da veciñanza” que sería imposible de levar a cabo sen o traballo do persoal do departamento de urbanismo, motivo polo que quixo recoñecer expresamente o seu labor.
“EN POIO, O URBANISMO AVANZA E FAI AVANZAR AO CONCELLO”
Cochón quixo destacar o interese do Goberno en que, máis que entrar en discusións e leas, “queremos que a veciñanza e o tecido económico perciban como o urbanismo avanza e fai avanzar ao concello”.
Para iso, trazou unha liña entre unha das primeiras xestións desde o Goberno, o desatascamento de 27 vivendas unifamiliares en Boavista que nas últimas semanas inauguraron a vivenda piloto.
Trazou outra liña entre a primeira modificación puntual do mandato, para dar uso aos terreos baldíos da antiga Finca da coca-cola, que agora ten un estacionamento disuasorio para máis de 150 vehículos, que se unen ás máis de 1.000 prazas novas creadas en todo o Concello.
Tamén destacou a posta en marcha do Visor Urbanístico que hoxe moitísimos particulares, autónomos, empresarios… xa consultan desde os seus fogares, oficinas ou despachos as condicións e posibilidades de todas as parcelas catastrais de Poio, desfrutando de transparencia nun área tan complexa.
Asímesmo, o mandato comezou co compromiso de baixar o IBI e ampliar as bonificacións e axudas ás familias, e hoxe xa se rebaixou o IBA, xa se aprobaron bonificacións que abranguen a 8 veces máis que o Tripartito e xa están en marcha rebaixas que permitirán aforrar 400.000 a cada familia.
E por último, subliñou que ao comezar o mandato “Comprometémonos a avanzar, da man dos técnicos e da Xunta, no noso Polígono de Fragamoreira e esta mesma semana a veciñanza puido almorzar coa noticia do inicio por parte da Xunta, da tramitación ambiental do polígono de Fragamoreira, que suporá un desenvolvemento e a transformación socio económica definitiva do noso municipio.
“En resumo,” este tempo transcorrido desde as últimas municipais son ”dous anos nos que fixemos que o urbanismo volvese estar ao servizo da xente para crear un Poio mellor para todos”, un obxectivo que segundo Cochón “seguiremos traballando para conseguilo”