Actuacións musicais, peregrinación nocturna e moita tradición nas Festas da Merced de Poio, o 23 e 24 de setembro

22/09/2026

Organizada pola Orde Terceira de la Merced, conta coa colaboración do Concello de Poio.

As Festas da Merced, que se celebran o mércores e xoves, 23 e 24 de setembro, inclúen a peregrinación nocturna e traen a San Xoán a actuación das orquestras Los Players e Marbella á Praza do Mosteiro. Representantes da Orden Tercera de la Merced, que organizan a festa coa colaboración do Concello de Poio, presentaron a programación completa, acompañados polo alcalde, Ángel Moldes, e os concelleiros Fran Dasilva e Natalia Sabarís.

Un dos actos máis esperados terá lugar o mércores 23 coa tradicional peregrinación nocturna, que sairá ás 22:00 horas desde tres puntos simultaneamente: o adro de San Salvador, a Capela da Virxe de Fátima de Campelo e a Igrexa de San Roque de Combarro. As tres procesións confluirán no último tramo para continuar xuntas ata o Mosteiro de Poio, onde se celebrará a misa de medianoite, cantada pola Coral de Poio. Ao remate, terá lugar a tradicional queimada, acompañada de reparto de chocolate e rosca para todos os asistentes. A noite pecharase coa música da orquestra Los Players na Praza do Mosteiro.

O xoves 24, día grande da festa e festivo local, comezará coa tradicional sesión de dianas e alboradas a cargo dos grupos Vides Novas e da Escola de Música Tradicional de Poio. Ás 12:00 horas celebrarase a Misa da Vendima, cantada polo Coro Virxe da Renda de Combarro e xa pola tarde, ás 19:00 horas, terá lugar a misa solemne con procesión na honra da patroa no Mosteiro de San Xoán, coa participación da Banda de Música da Lama e do coro Virxe de Fátima de Campelo.

A programación pecharase á noite, desde as 21:00 horas, cunha gran verbena na Praza do Mosteiro coa orquestra Marbella.

Durante a presentación, o alcalde Ángel Moldes quixo agradecer o traballo das Mercedarias e salientou “o labor desinteresado e compromiso das comisións de festas e dos colectivos locais, que fan posible manter e potenciar as tradicións do municipio”. Moldes destacou tamén que este tipo de eventos «reflicten o dinamismo do tecido social de Poio e o seu compromiso coa cultura, a tradición e a convivencia, enchendo de vida as nosas rúas».

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio