O parque infantil de Raxó reabre tras unha renovación centrada na mellora da calidade e seguridade

20/04/2026

As actuacións incluíron a substitución de xogos en mal estado, a mellora do pavimento e unha nova iluminación. Ademais, avanzan as obras para crear unha pista polideportiva de Vilariño e a reforma integral da área de xogo de Lourido.

O parque infantil da rúa Ramón Encinas, en Raxó, volve estar aberto ao público tras unha renovación que permitiu mellorar a seguridade e a calidade desta área de lecer.

Os traballos consistiron na reparación, substitución e pintado dos elementos de xogo deteriorados, adaptándoos á normativa vixente, así como na mellora do pavimento e dos bancos. Ademais, instalouse unha nova iluminación no perímetro do parque, co obxectivo de reforzar a visibilidade e a seguridade das persoas usuarias.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitou o parque para comprobar o resultado das actuacións e destacou o esforzo municipal por modernizar as zonas infantís do municipio. “Poio conta cunha importante poboación infantil; cada tres meses repartimos entre quince e vinte caixas de benvida polos novos nacementos. Por iso é fundamental investir en espazos seguros e accesibles para a infancia e as súas familias”, sinalou.

Esta intervención enmárcase nun plan municipal de mantemento e mellora das áreas de xogo, que nos últimos meses tamén chegou aos parques de Anafáns, Combarro, Chancelas, Ánkar e A Seca.

Paralelamente, o Concello continúa avanzando noutros proxectos, como a construción dunha nova pista polideportiva en Vilariño e a reforma integral do parque infantil de Lourido. “Seguimos traballando para dotar Poio de servizos e infraestruturas que melloren a calidade de vida das familias e consoliden o municipio como un lugar moderno e atractivo para vivir”, concluíu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio