O curso práctico de fermentados caseiros clausúrase en Poio coa entrega de diplomas ás persoas participantes

22/05/2026

Ángel Moldes e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, asistiron ao acto de peche dunha actividade que volveu espertar grande interese entre os participantes.

O Concello de Poio clausurou esta semana na Casa Rosada unha nova edición do curso práctico “Alimentación Terapéutica: Fermentados”, unha iniciativa formativa que volveu espertar un grande éxito entre as persoas participantes.

O acto de clausura contou coa presenza do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e do concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, quen participaron na entrega de diplomas ás persoas asistentes tras rematar as distintas sesións prácticas desenvolvidas durante as últimas semanas.

O curso, impartido por Soledad Saburido Álvarez, de Fermentos da Meiga, permitiu ás persoas asistentes coñecer de maneira práctica diferentes técnicas de fermentación doméstica, elaboración de fermentos vexetais e bebidas fermentadas, así como os beneficios desta práctica tradicional vinculada á alimentación saudable e ao aproveitamento dos alimentos.

Durante o acto, o alcalde destacou “a excelente resposta da veciñanza a este tipo de actividades, que combinan formación, sustentabilidade e hábitos de vida saudables”. Ademais, destacou a aposta do Goberno local por promover accións de educación ambiental prácticas e útiles para o día a día da cidadanía, ao tempo que agradeceu a implicación das persoas participantes ao longo de todo o curso.

A actividade rematou cunha degustación dos produtos elaborados durante as sesións e cun intercambio de experiencias entre o alumnado participante.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio