O coro da Casa Rosada, un dos gañadores do concurso Enreguéifate

03/04/2024

Acompañadas pola concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, desprazáronse hoxe ata Santiago de Compostela para recoller o premio.

O coro da Casa Rosada é un dos gañadores do concurso Enreguéifate da TVG. Con “Sempre vida”, foron recoñecidas polo xurado do programa como a Regueifa mellor cantada.

Esta mañá, acompañadas pola concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, desprazáronse ata o Teatro Principal, en Santiago de Compostela, para recoller o premio. “Son un exemplo e unha mostra de que a idade é un valor, e sempre é un bo momento para seguir aprendendo e, sobre todo, para gozar”, sinala a edil que, ademais, destaca que “asumiron o reto que lle propuxo o persoal de servizos sociais con moito ánimo e ilusión”.

Ao recoller o recoñecemento, as representantes do coro aseguraron estar moi nerviosas porque é o primeiro premio que reciben, “pero esperamos que sexan moitos máis”. Ademais, agradeceron ao Concello de Poio “por darnos esta oportunidade”.

O coro da Casa Rosada está formado actualmente por 24 persoas, aínda que hoxe foron quince as que asistiron a recoller o premio. O concurso é unha iniciativa que busca apoiar e difundir a improvisación oral en verso, regueifa, para contribuír, por medio dela, á promoción da lingua galega.

Todos os vídeos gañadores poden verse en https://enregueifate.gal/edicion-2024-ganadores/

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio