O Concello prepara unha homenaxe para recoñecer as tres décadas de Protección Civil de Poio

14/10/2024

Será o sábado, 26 de outubro, no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó. Catro persoas presidiron a agrupación neste tempo: Manuel Vicente, o actual presidente, Jose Manuel Lores, Jaime Martínez e Jose Manuel Pérez.

A homenaxe que o Concello de Poio prepara para recoñecer as tres décadas de Protección Civil no municipio será o próximo sábado, 26 de outubro, no Centro Cultural Xaime Illa. Trátase dun recoñecemento a todas as persoas que durante este tempo formaron parte da agrupación de xeito totalmente altruísta e cun único obxectivo, dedicar o seu tempo para facer cousas polos demais. Aínda que Protección Civil de Poio se inscribiu no rexistro de agrupacións o 14 de xullo de 1994, non foi ata outubro cando se constituíu oficialmente e se publicaron os seus estatutos.

Moitos voluntarios formaron parte da agrupación durante estes trinta anos, e máis de setenta xa confirmaron a súa asistencia, entre eles os catro presidentes que formaron parte de Protección Civil de Poio: o actual, Manuel Vicente, así como Jose Manuel Lores, Jaime Martínez e Jose Manuel Pérez.

O acto servirá para recoñecer o traballo incansable que levan a cabo estes veciños e veciñas que poñen todo da súa parte e de xeito totalmente altruísta, para axudar á cidadanía, tanto nos dispositivos de seguridade de calquera evento que se organiza no municipio como ante calquera situación de emerxencia, como incendios, temporais, accidentes… De feito, eles son os primeiros en chegar ao lugar en múltiples ocasións.

Ademais, durante o acto, a contorna do Xaime Illa tamén se converterá nun espazo temático no que se amosarán algúns dos materiais e equipos de traballo e vehículos de Protección Civil de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio