O Concello imparte un curso para aprender alternativas ecolóxicas para previr pragas e aboar de xeito natural

13/05/2025

Desenvolverase entre maio e xuño, e as persoas interesadas xa se poden anotar nos teléfonos 604 025 288 ou 699 117 128, ata completar as prazas dispoñibles.

O Concello de Poio organiza o curso “Preparados naturais para a horta”, destinado a todas as persoas que queiran coñecer máis en profundidade as necesidades das plantas e aprender alternativas ecolóxicas e naturais para previr e combater pragas na horta e aboar de xeito natural.

O obradoiro desenvolverase en catro sesións, os mércores 21 e 28 de maio e 4 e 11 de xuño, en horario de 17.00 a 21.00 horas, nunha finca situada en Saíñas. É gratuíto e estará impartido por Jacobo Ojea, labrego e biólogo. As inscricións xa se poden facer nos teléfonos 604 025 288 ou 699 117 128, ata completar as prazas dispoñibles. Durante as sesións o alumnado aprenderá a facer e aplicar preparados vexetais e minerais e incidiranse sobre a reprodución de microorganismos e fermentados para usalos na horta, así como as propiedades da auga do mar como emenda na horta.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, destaca que a cidadanía de Poio ten moita conciencia sobre o coidado e a preservación do medio ambiente e a economía circular, e neste senso destaca que este tipo de formacións resultan moi interesantes para coidar a horta sen recorrer a produtos químicos e realizar fertilizantes propios reducindo custes, pero tamén para mellorar a saúde do solo e das plantas e conseguir producións máis respectuosas coa contorna.

Por outra banda, esta semana remata o curso “Alimentación terapéutica e fermentados”, organizado tamén polo Concello de Poio na Casa Rosada. Unha proposta que espertou grande interese entre a poboación, que cubriu todas as prazas dispoñibles. Impartido por Sole Saburido Álvarez, de Fermentos da Meiga, durante varias sesións formou ás persoas participantes no mundo da fermentación caseira, un método de conservación tradicional que ofrece moitas posibilidades para transformar e crear alimentos superiores en nutrientes, desenvolver novos aromas e sabores, reducir o desperdicio orgánico e xerar unha maior conciencia de aproveitamento.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio