O Concello executa a substitución da cuberta da nave de piragüismo en Combarro e dá resposta a unha reclamación histórica

27/05/2025

Ángel Moldes sinala que estes defectos estruturais dificultaban a práctica deportiva en condicións adecuadas, polo que a actuación era considerada prioritaria para o goberno local.

27, maio, 25.- O Concello de Poio xa está executando os traballos de substitución da cuberta da nave do Club de Piragüismo Poio, situada en Combarro, co obxectivo de poñer fin aos graves problemas de filtracións que a instalación vén sufrindo desde hai décadas. Estes defectos estruturais dificultaban a práctica deportiva en condicións adecuadas, polo que a actuación era considerada prioritaria para o goberno local.

Por iso, recorda o alcalde, Ángel Moldes, “desde o minuto un traballamos para mellorar a instalación, realizando todos os trámites administrativos necesarios para facer realidade un proxecto que vai poñer fin a décadas de reclamacións por parte do club e dos usuarios, e que, o máis importante, vai mellorar de forma substancial a calidade das instalacións para a práctica deportiva”. Nesta liña, insiste en que “esta é unha actuación prioritaria e unha necesidade para ofrecer unhas instalacións dignas aos nosos deportistas”.

O proxecto contempla a renovación integral da cuberta da nave, cun investimento que supera os 50.000 euros, financiados con cargo ao Plan provincial de infraestruturas deportivas.

O rexedor lembra que, tras décadas soportando filtracións constantes, a finais de outubro de 2024 o pleno municipal aprobou asumir a concesión da nave, que era titularidade de Portos de Galicia. Este trámite, iniciado en xuño de 2023, era imprescindible para que o Concello de Poio puidese acometer investimentos na instalación.

“Non queríamos continuar cos mesmos parches que se fixeron nos últimos anos e que se demostrou que non servían de nada. É máis, moitos dos problemas actuais eran consecuencia desas chapuzas e remendos feitos sen evitar que seguise chovendo dentro”, asegura Moldes. “Nós queremos dar unha solución definitiva e iso pasa, necesariamente, por facer o que estamos facendo e repoñer a cuberta. Os deportistas de Poio merecen instalacións dignas e desde o Goberno estamos traballando co máximo compromiso para que así sexa”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio