O Concello e Portos de Galicia asinarán un convenio para reordenar e mellorar o Porto do Covelo, en Samieira

09/05/2026

O proxecto contempla unha transformación integral do espazo: mellora da mobilidade, eliminación de barreiras arquitectónicas, renovación de servizos e posta en valor do entorno costeiro. Esta actuación dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza do Covelo e da parroquia de Samieira, e busca resolver as deficiencias actuais deste espazo.

O Concello de Poio e Portos de Galicia asinarán un convenio de colaboración para executar un conxunto de actuacións no Porto do Covelo, en Samieira, co obxectivo de reordenar e mellorar este lugar. Esta actuación dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza do Covelo e da parroquia de Samieira, e busca resolver as deficiencias actuais deste espazo, mellorando de xeito importante a contorna, a mobilidade e accesibilidade.

A intervención prevé a reordenación completa do vial mediante a creación dunha plataforma única, que permita eliminar barreiras arquitectónicas e favorecer unha circulación máis accesible e segura. A zona de rodadura e a peonil quedarán diferenciadas mediante unha rigola prefabricada, encargada da recollida de augas pluviais e da súa condución á rede de colectores. Tamén se levará a cabo a renovación do firme.

De forma paralela, melloraranse os sistemas de drenaxe nas praias de Covelo e Area da Barca, dirixindo as augas cara ás zonas de escollera e rocha para minimizar impactos e molestias ás persoas usuarias.

O proxecto complétase coa instalación dunha varanda ao longo do fronte litoral ata a ponte do Rego de Covelo, co fin de reforzar a seguridade e facilitar o tránsito peonil continuo pola fachada costeira. Ademais, renovaranse os elementos de iluminación pública coa instalación de 21 novas luminarias, incluíndo columnas troncocónicas e a súa cimentación correspondente.

O alcalde Ángel Moldes destaca a importancia deste convenio de colaboración, que permite actuar “por fin e despois de tanto tempo no Porto de Covelo”. Así, subliña que “este proxecto supón un paso moi relevante na mellora dun espazo moi demandado pola veciñanza, que leva anos reclamando unha reordenación integral. Falamos dunha actuación que non só mellora a seguridade e a accesibilidade, senón que tamén pon en valor a nosa costa e contribúe a crear un entorno máis amable, funcional e atractivo tanto para residentes como para visitantes”.

Desde o Concello de Poio destacan que o obxectivo é crear un espazo máis seguro, accesible e visualmente homoxéneo, que garanta a continuidade dos itinerarios peonís, ordene o tráfico rodado e reforce o papel da zona como punto de interese turístico, residencial e hostaleiro. Neste senso, sinalan que este é un espazo moi concorrido, de xeito especial durante o verán, ao ser punto de acceso a un dos catro Sendeiros Azuis de Poio, a Senda do Laño, así como ás súas praias, recoñecidas tamén este ano por primeira vez co distintivo Bandeira Azul.

O impacto da actuación será especialmente positivo para a veciñanza, ao mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria. A eliminación de barreiras arquitectónicas e a renovación de pavimentos e beirarrúas favorecerán unha maior integración paisaxística, ao tempo que mellorarán a imaxe da fachada costeira.

En conxunto, o proxecto contribuirá a dinamizar a zona, reforzar o seu atractivo e mellorar a seguridade.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio