Tamara González visitou o local para coordinar os traballos, que inclúen colocación de tarima flotante e rodapé de madeira nas dúas aulas.
A concelleira de Espazos Cidadáns, Tamara González, visitou esta mañá o Espazo Municipal do Sartal para coordinar os traballos que se van realizar nas próximas semanas e que inclúen cambiar o chan do local e substituír a baldosa actual por tarima flotante nas dúas aulas e colocar rodapé de madeira.
Un cambio que, segundo indicou, ofrecerá un espazo máis cálido e cómodo, fundamental para o desenvolvemento de todas as actividades que se organizan neste espazo e, en maior medida, as que se desenvolven no solo. De feito, neste local se desenvolven clases de pilates, ioga, memoria, pintura e outras actividades organizadas por colectivos locais.
“É unha actuación que permitirá mellorar de xeito notable o ambiente e a calidade do espazo, eliminando a frialdade da baldosa e ofrecendo un lugar moito máis confortable para o seu uso, algo que os usuarios viñan demandando”, explica González.
Ademais, subliña que hai uns meses xa se mudou o chan no Espazo Municipal do Bao e, neste tempo, a experiencia e opinión das usuarias é unánime respecto dos beneficios importantes que se conseguiron.
Tamara González asegura que desde o Concello de Poio continuarán traballando para seguir dando reposta e solución ás necesidades que vaia xurdindo nos espazos municipais, e valorou a comunicación constante e construtiva que se está mantendo de xeito permanente con todos os colectivos para seguir avanzando e mellorando estes locais.