O Concello de Poio instalará Puntos Lilas en Combarro e na Seca durante a celebración do Armadiña Rock

20/07/2024

Esta semana mantiveron unha reunión de coordinación do dispositivo especial deseñado para que o festival se desenvolva con total normalidade.

O Concello de Poio instalará dous Puntos Lilas para concienciar e previr a violencia machista e favorecer que o Armadiña Rock, que se celebra do 26 ao 28 de xullo en Combarro, sexa un festival seguro.

Esta semana o alcalde, Ángel Moldes; as concelleiras de Seguridade Cidadá, Maritxe González, e de Cultura, Natalia Sabarís; o edil de Festexos, Fran da Silva; representantes da Policía Local, Protección Civil e da Garda Civil, así como membros da organización do Armadiña Rock mantiveron unha reunión de coordinación do dispositivo especial deseñado para que toda a actividade se desenvolva con total normalidade.

Os dous Puntos Lilas instalaranse o sábado 27, o día que se espera maior afluencia ao festival, na Seca e en Combarro. No primeiro caso, instalarase na zona de acampada, entre as 20.00 e as 23.00 horas, e no segundo, na zona de concertos na Praza da Chousa, entre as 22.00 e as 3.00 horas.

Os Puntos Lilas do Concello de Poio son lugares de referencia nos que informarse e previr sobre a violencia machista, pero sobre todo, espazos seguros e tranquilos aos que poden asistir as vítimas en caso de agresión. Dúas técnicas de igualdade atenderán e sensibilizarán na celebración do festival sobre as agresións e, de ser o caso, ocuparanse de comunicar a situación ás forzas de seguridade para activar o protocolo policial de intervención por violencias sexuais do Concello de Poio.

O alcalde, Ángel Moldes, sinalou que “as festas e os concertos musicais deben ser espazos de convivencia e todas as persoas, sen excepción, teñen dereito a disfrutar sen sentirse acosadas, violentadas, intimidades ou agredidas”. Por iso, apelou á responsabilidade e ao respecto, e sinalou que estes puntos son importantes para informar e previr, pero son fundamentais para ofrecer espazos seguros nos que apoiar e atender ás vítimas en caso de agresión. Desde o Concello de Poio se recorda que todas as mulleres a importancia de denunciar, e que se acheguen ao Punto Lila ou ben a calquera dos membros de seguridade para pedir axuda.

Na reunión, tamén se organizaron outro tipo de cuestións, como o acceso á campada na Reiboa, que vai estar sinalizada e delimitada, así como os aparcamentos disuasorios para facilitar o acceso ao festival. Todas as forzas de seguridade, tanto a Policía Local de Poio, como a Garda Civil e a seguridade privada estarán coordinadas e presentes en toda a actividade.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio