O BOSQUE DE COLÓN CUMPRE 31 ANOS

14/01/2024

2023.

O Concello de Poio quere conmemorar o 31º aniversario do Bosque de Colón poñendo este espazo en valor como o que é, “unha xoia do noso patrimonio polo seu valor cultural, histórico e natural”. Co gallo desta efeméride, a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, convidou a todo o mundo a visitar o Bosque este Nadal e destacou o carácter “absolutamente único” deste espazo, que se atopa situado na falda do Castrove, en terreos da Comunidade de Montes de San Xoán, e reúne varias características que o fan singular. 

Así, as 500 secuoias que o forman foron un agasallo do goberno dos Estados Unidos a España en conmemoración do V Centenario da primeira viaxe de Colón, e constitúen o maior bosque de sequoia sempervirens de Europa por extensión (2,5 ha), con exemplares que superan xa os 20 metros. Son realmente uns ‘bebés’, considerando que esta especie pode vivir ata 1.000 anos e acadar unha altura de 115 metros.

Ademais, as árbores foron plantadas conxuntamente por mozos e mozas poienses e outros 25 adolescentes chegados desde distintas partes de Estados Unidos baixo a dirección do profesor John H. McElroy e ao amparo do presidente George H. W. Bush, a Cámara de Representantes e o Senado americanos, o Estado de California, e outras institucións públicas e privadas, o que o converte nun exemplo de colaboración internacional no científico e no humano verdadeiramente extraordinario. Os Columbus Kids (nome polo que se coñece aos entón adolescentes de ambos países que participaron na creación do Bosque) plantaron as secuoias en decembro de 1992, no que foi oficialmente o derradeiro acto do V Centenario en España, convertindo este espazo “nun anaco de América en Poio e un símbolo eterno do encontro entre o Novo Mundo e o Vello Mundo e a amizade entre os pobos”.

Para Cochón, ademais do seu valor histórico, cultural e natural, e a súa relación co patrimonio coloniano, o Bosque de Colón representa un recurso turístico de primeira orde, que é visitado por moitísimas persoas cada ano, con familias que veñen ex profeso para coñecer a plantación. Por iso, reivindicou o Bosque como “un tesouro que hai que coñecer e conservar, unha peza especial no obxectivo de consolidar Poio como un referente de turismo sostible e de calidade”. 

A edil destacou que na súa inauguración, en 1992, o profesor McElroy vaticinou que, cos séculos, “o Bosque se convertería nunha Catedral viva á que peregrinarían tamén como a Compostela”. “Desde logo”, indicou, “o número de turistas e peregrinos estadounidenses aumenta cada ano e tamén cada vez máis os visitantes de todas partes veñen a Poio atraídos por espazos tan únicos como o Bosque de Colón”.

Despois de moitos anos esquecido por parte dos Gobernos municipais de BNG e PSOE, foi o Grupo Municipal Popular na oposición, baixo o liderado de Ángel Moldes, o que redescubriu e puxo en valor o Bosque de Colón, localizando aos protagonistas da súa creación, impulsando a declaración de 2017 como ‘Ano do Bosque de Colón’ e promovendo unha serie de actividades conmemorativas “que nos permitiron difundir esta parte tan fermosa e única da nosa historia e do noso concello”.

“Desde o Goberno, imos seguir poñendo en práctica ese compromiso”, explicou, “e por iso nas últimas datas mantivemos conversas co profesor McElroy, a forza creadora detrás do Bosque, que a punto de cumprir 90 anos quere volver visitar Poio a ver como medran as súas -as nosas- secuoias. Así que poñémonos xa mans á obra para nos próximos meses poder organizar, xunto a outras administracións, colectivos e particulares protagonistas da creación, a homenaxe que se merecen quen nos legaron este lugar marabilloso”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio