Ángel Moldes traslada a Alcaldía unha vez ao mes desde San Xoán a San Salvador, Campelo, Combarro, Samieira e Raxó: “Esta iniciativa rompe barreiras, achega a administración á rúa e constrúe un Poio onde a participación cidadá é real”. É un servizo xa consolidado, ao que acceden persoas se achegan aos centros municipais para expoñer inquedanzas, facer propostas ou simplemente ser escoitadas.
O Concello de Poio retoma este mes de setembro unha das iniciativas mellor valoradas e máis utilizadas pola veciñanza: “O alcalde, máis preto de ti”, un programa que leva a alcaldía a todas as parroquias do municipio, ofrecendo atención directa, sen cita previa, a todas as persoas ás que, pola razón que sexa, lle resulta máis complicado achegarse ata a Casa do Concello.
O obxectivo é fomentar a participación cidadá e achegar a administración local, a atención e o contacto directo á veciñanza desde San Xoán a San Salvador, Campelo, Combarro, Samieira e Raxó. “Non todas as persoas poden achegarse ata a Casa do Concello, pero todos merecen ser escoitados. Esta iniciativa rompe barreiras, achega a administración á rúa e constrúe un Poio onde a participación cidadá é real”, destaca o alcalde, Ángel Moldes. Neste senso, explica que aínda que cada día desde o Goberno local percorren as rúas, se reúnen con colectivos e atenden aos veciños na Casa do Concello, “é importante ofrecer tamén a cada veciño un lugar próximo ao seu fogar onde poder falar, escoitar as súas propostas e atender as súas demandas”.
Así, rematado o verán, o programa “O alcalde, máis preto de ti” ten xa confirmado o calendario do mes de setembro: o xoves, día 3, no Pazo Besada, de 10.00 a 13.00 horas; o xoves 10, o alcalde estará atendendo no Local Social de Campelo, no mesmo horario; na Escola do Campo de Combarro, a atención á veciñanza será o luns 14; no CC Xaime Illa, en Raxó, o mércores 23; mentres que visitará o Espazo Municipal de Tarrío, en Samieira, o martes 29. “Aproveitamos a rede de locais municipais para ofrecer unha atención máis próxima. Espazos cómodos e accesibles pero, sobre todo, preto da xente”, engade.
Por último, destaca que “é un servizo xa consolidado, ao que acceden persoas se achegan aos centros municipais para expoñer inquedanzas, facer propostas ou simplemente ser escoitadas”.