“Estes recursos deben reverter de xeito directo na veciñanza de Poio para, así, seguir mellorando os seus servizos e a súa calidade de vida”, explica o alcalde. Lamenta que “a falta de previsión, xestión e execución” do Goberno “prexudique e castigue inxustamente” a aquelas administracións que fixeron unha xestión responsable.
O alcalde do Concello de Poio, Ángel Moldes, lamenta que as políticas do Goberno central impidan que os concellos poidan, a día de hoxe, dispoñer do seu superávit para desenvolver e executar proxectos financeiramente sostibles que melloren o día a día da veciñanza. Neste senso, lamenta que “a falta de previsión, xestión e execución” do Goberno “prexudique e castigue inxustamente” a aquelas administracións que fixeron unha xestión responsable.
“O Concello de Poio pechou o ano 2024 cun superávit de 2.370.638,05 euros. Un resultado que demostra a boa xestión económica que fixemos no último ano e conseguimos con moito esforzo, apostando pola eficiencia para xestionar unha herdanza económica moi complicada, e aínda así dando resposta a reclamacións históricas e ao noso programa de Goberno de xeito totalmente responsable e facendo moito máis con menos”.
Por iso, considera que “é urxente” que desde o Goberno movan ficha “canto antes” para atender as necesidades dos concellos. “Queremos ter a autonomía de decidir en que proxectos e servizos públicos podemos gastar uns cartos que son da veciñanza de Poio”, defende, e recorda que tal e como está na actualidade o superávit só se podería utilizar para amortizar débeda, para nada máis.
“Somos moitos os concellos de Galicia que estamos pendentes desta decisión, o Goberno está impedindo que utilicemos millóns de euros para facer mellores políticas e prestar mellores servizos aos nosos veciños. Este superávit debe reverter de xeito directo na veciñanza de Poio para, así, seguir mellorando os seus servizos e a súa calidade de vida”. Como exemplos, indica que eses 2,3M€ que Poio ten de superávit poderíanse estar investindo en mellorar a mobilidade peonil ou ampliar os servizos básicos de saneamento e abastecemento de auga, entre outros.
En base ao informe publicado recentemente pola Oficina Virtual de Coordinación Financeira das Entidades Locais do Ministerio de Facenda, o superávit orzamentario de 2024 do consolidado da entidade local deberá destinarse a reducir débeda en 2025. Ademais, indica que na situación actual, e en tanto non se aprobe a Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2025 ou, no seu defecto, unha disposición normativa con rango de lei que habilite a prórroga para este ano da aplicación da disposición adicional sexta da LOEPSF, non se poderá destinar o superávit a financiar investimentos financeiramente sostibles.