Ángel Moldes dá conta das liñas fundamentais do orzamento 2025, que prevé non concertar operación de endebedamento

26/09/2024

Aproban unha bonificación do IBI para as 235 familias numerosas que hai en Poio, que reducirán como mínimo un 40% do recibo. “Unha medida real, necesaria e xusta”.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, deu conta onte das liñas fundamentais do orzamento de 2025 que remitiu ao Ministerio de Facenda, e que garantirán os principios de prudencia e estabilidade orzamentaria, e nas que se prevé non concertar ningunha operación de endebedamento. Ademais, tamén incluirán unha minoración nas previsións de ingresos das ordenanzas fiscais, tras a redución de impostos e taxas das viñetas dos coches e dos vados, así como das bonificacións do IBI para as familias numerosas do municipio.

Foi durante a sesión plenaria do mes de setembro, na que, precisamente, se aprobou a bonificación dos recibos do IBI para as familias numerosas de Poio que, como mínimo, verán reducidas o 40% dos seus recibos. Esta porcentaxe de bonificación incrementarase nun 10 por cento por cada fillo adicional da unidade familiar. Para ser beneficiarios a renda da unidade familiar dividida polos membros da mesma non poderá superar o dobre do indicador público de renda de efectos multiples (IPREM) vixente referido a 12 pagas.

Unha medida que, segundo defendeu Rocío Cochón, “é real, necesaria e xusta”, e que vai repercutir nas 235 familias numerosas que hai en Poio. Nesta liña, Cochón explicou que “inclúense un criterio de renda per cápita e progresividade que non se tiñan en conta ata o de agora”. Isto permitirá, engadiu, que fronte ás 7 familias que se podían acoller ás bonificacións que había ata o de agora, desde xaneiro estas novas bonificacións chegarán a practicamente todas as familias numerosas que hai en Poio. “Polo tanto, é unha mellora moi importante, unha boa noticia para máis de 1.000 persoas que teñen un papel determinante no futuro do noso municipio”, engadiu.

Cochón incidiu durante a súa intervención en que “esta modificación non é unha ocorrencia, é traer a este pleno as demandas das familias e dar resposta ao noso programa de Goberno, porque investir nas familias é apostar polo futuro de Poio”. Ademais, recordou que levan traballando man a man coa Asociación Galegas de Familias Numerosas, cuxo presidente estivo presente onte no pleno, hai máis de oito anos “e o que presentamos hoxe é froito deste traballo conxunto”.

Tamén o alcalde, Ángel Moldes, agradeceu a colaboración deste colectivo. “Esta é unha petición das familias”, recordou. Ademais, referiuse durante a súa intervención ao feito de que “desde que chegamos ao Goberno, estanse baixando por primeira vez en décadas impostos e taxas, ampliamos esta bonificación tendo en conta a renda per cápita das familias e nas próximas semanas seguiremos avanzando para reducir a carga impositiva de todas as familias de Poio”.

Ademais destes puntos, o pleno tamén aprobou dúas modificacións de crédito para destinar preto de 300.000 euros dos ingresos recibidos a maiores da participación dos tributos do Estado correspondentes á liquidación positiva do PIE do ano 2022 para mellorar as infraestruturas e ampliar os servizos básicos en varios lugares do municipio: pavimentar camiños en Liñares, Paradela, Banda do Río, Ratea e San Martiño-Rial e ampliar as redes de pluviais e saneamento no Peirao de Covelo e no Camiño da Coita.

Ademais, tamén se destinarán outros 335.000 euros para ampliar algunhas das partidas dos orzamentos que están máis axustadas para realizar pagos a provedores así como para atender maiores gastos de persoal provocados por procedementos de indemnizacións que o Concello de Poio tivo que aboar este ano con motivo das sentenzas xudiciais emitidas correspondentes a anos anteriores.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio