Moita cor, música e diversión na Reiboa para dárlle a benvida ao curso escolar

12/09/2024

A Reiboa, na Seca, tinguiuse esta tarde de multicores, música e moita diversión para dar a benvida ao curso escolar na festa organizada polo Concello de Poio e o Centro Comercial A Barca. Familias enteiras encheron a praza desde as 17.00 horas para gozar de todas as actividades gratuítas organizadas, desde obradoiros de manualidades con material reciclado, ata inchables, sorpresas e moitos bailes coa animación de Javi Solla. Unha festa que rematou con todos, grandes e maiores, saltando, bailando e gozando coa festa holi, que con cañóns esparceu pós de moitas cores polo escenario e encheu de risas, bos momentos e moita diversión a despedida do verán e a celebración do inicio do novo curso escolar.

O alcalde, Ángel Moldes, que xunto a outros concelleiros tamén participou nesta actividade, destacou o gran ambiente que se viviu esta tarde na Reiboa, e incidiu en que desde o Concello de Poio traballan para programar actividades e propostas lúdicas e de lecer de calidade, propostas dinámicas, divertidas e para toda a familia. Por iso agradeceu ao Centro Comercial A Barca a súa colaboración, por segundo ano consecutivo, para facer posible esta festa.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio