A actividade é gratuíta, conta con 50 prazas e está dirixida a nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO.
O Concello de Poio continúa desenvolvendo a súa programación de verán para que a mocidade e a rapazada disfruten das vacacións con propostas lúdicas, culturais, educativas e de conciliación. Unha oferta que inclúe iniciativas consolidadas como os Espazos Concilia, a Semana Máxica e o Campamento Teatro Miúdo, así como o campo de voluntariado «Costa Azul». Ademais, nas últimas semanas tamén se celebrou unha excursión familiar ao parque acuático de Amarante, en Portugal, coa participación de preto de 100 persoas.
Dentro desta programación, mañá, 15 de xullo, e ata o día 31 ábrese o prazo de inscrición para participar nunha nova edición da Semana Máxica, unha iniciativa lúdica e educativa que ofrece á rapazada a oportunidade de gozar dun campamento con aloxamento, xogos, obradoiros, excursións e veladas nocturnas, todo nun ambiente de convivencia e diversión. Como novidade nesta edición, incluirase un bautismo hípico para todas as persoas participantes.
A actividade, de carácter gratuíto e subvencionada integramente polo Concello, está dirixida a rapaces e rapazas que cursen 5º e 6º de Primaria ou 1º e 2º da ESO. Contará cun total de 50 prazas, distribuídas en dúas quendas de 25 participantes cada unha, que se desenvolverán na escola de Tarrío, en Samieira. A primeira quenda, para o alumnado de Secundaria, celebrarase do 17 ao 19 de agosto, mentres que a segunda, destinada ao último ciclo de Primaria, terá lugar do 19 ao 21 de agosto.
As persoas participantes contarán con aloxamento en pensión completa, así como con todas as comodidades e materiais necesarios para desfrutar de actividades como sendeirismo, xogos de grupo, obradoiros creativos, expresión artística, excursións e o bautismo hípico.
Xunto co formulario de inscrición deberá presentarse unha copia do DNI da persoa participante e, se é o caso, a documentación relativa a datos médicos ou outras circunstancias que sexa preciso coñecer para garantir o correcto desenvolvemento da actividade.
A lista de persoas admitidas e de reserva publicarase o vindeiro 5 de agosto.