2023.
Mañá o punto de encontro para as familias é a Aldea do Adro de San Salvador, co tren máxico, o espectáculo musical de Nadal de Nelson Quinteiro, o pasarrúas coa batuka “Canecos” e o Concerto da Coral de Poio. Nas últimas semanas as anpas participaron en obradoiros organizados polo Concello de Poio para elaborar os seus propios accesorios de Nadal para acompañar ás súas maxestades. Xa está aberto o prazo para anotarse nos obradoiros creativos de Nadal que se desenvolverán na Casa Rosada.
Máis de trescentas persoas, entre nenos e maiores, acompañarán aos Reis Magos na cabalgata de despedida organizada polo Concello de Poio o 6 de xaneiro. Membros das anpas de todos os colexios, comparsas e batukas de todo o municipio daranse cita para acompañar ás súas maxestades e dar a despedida ao Nadal, pero ata ese momento xa están traballando na elaboración dos accesorios de Nadal que levarán ese día. Así, durante as últimas semanas, nenos e maiores participaron nos obradoiros organizados polo Concello de Poio en colaboración coas anpas, nas que cada asociación traballou na elaboración dos seus propios complementos.
“O Nadal é compartir, e este ano en Poio temos as festas máis participativas que se recordan. Compartindo momentos, experiencias e, sobre todo, depositando a ilusión de grandes e pequenos en cada un dos pasos que estamos dando. Este é o Nadal de todos e para todos, desde os decorados das Aldeas do Nadal, a programación que ata o 6 de xaneiro conta con máis de 50 propostas, así como a propia cabalgata dos Reis Magos. É unha grande satisfacción recuperar estes valores tan importantes e fundamentais para o Nadal”, sinala o alcalde Ángel Moldes.
Mañá o punto de encontro para as familias é a Aldea do Adro de San Salvador. Alí estará o tren máxico, e ás 16.30 horas comezará a música co pasarrúas da batuka “Canecos”. Unha hora máis tarde, ás 17.30 horas, comezará o espectáculo de música e baile Aldea do Nadal, de Nelson Quinteiro que, en caso de choiva, celebrarase no salón de actos parroquial. E xa, a partir das 19.00 horas, no interior da Igrexa, a Coral de Poio organiza o seu XXIII Concerto de Nadal.
Xa pola semana, a Fedelleneta do Nadal visitará todos os centros escolares de Poio para, a próxima fin de semana, facer parada nas Aldeas de Nadal dos Muíños de Samieira o venres 15 e da Praza da Chousa de Combarro o sábado 16. O domingo será a quenda da Papanuelada Moteira, organizada polo Motoclube A Rosa dos Ventos. Toda a programación desta Nadal en Poio pódese consultar en concellopoio.gal.
OBRADOIROS CREATIVOS
Tamén xa está aberto o prazo para anotarse nos obradoiros creativos que se desenvolverán na Casa Rosada, en San Salvador, o martes 19 e xoves 21 de decembro. No primeiro caso, elaboraranse adornos e centros de Nadal e, no segundo, un gnomo de Nadal. As inscricións pódense facer no teléfono 986 872 401, son actividades de balde e están destinadas para público adulto.