As inscricións están abertas ata o 15 de maio, e desenvolverase os días 2, 4, 9 e 11 de xuño na Aula Cemit en Combarro. Permitirá ao alumnado aprender a manexar ferramentas de intelixencia artificial para xerar ideas orixinais, redactar textos, deseñar imaxes e crear vídeos de calidade.
O Concello de Poio pon en marcha un novo curso de formación en intelixencia artificial co obxectivo de achegar esta tecnoloxía á veciñanza e facilitar o seu uso no día a día, tanto a nivel persoal como profesional.
A actividade está destinada a persoas de entre 18 e 59 anos e permitirá ao alumnado aprender a manexar ferramentas de intelixencia artificial para xerar ideas orixinais, redactar textos, deseñar imaxes e crear vídeos de calidade en cuestión de minutos. Ademais, o curso abordará como esta tecnoloxía pode contribuír a optimizar procesos, apoiar a toma de decisións e implementar novas ferramentas nos negocios.
Durante as sesións tamén se traballará na mellora da marca persoal e na identificación de novas oportunidades laborais a través do uso destas aplicacións no día a día.
O curso impartirase na Aula CeMIT de Poio, situada en Combarro, os días martes e xoves 2, 4, 9 e 11 de xuño, en horario de 16.30 a 19.30 horas.
As inscricións poderán realizarse nas oficinas municipais o na Aula Cemit ata o 15 de maio ou a través dos teléfonos 986 770 001 (extensións 1222 ou 1321). As prazas son limitadas e terán prioridade as persoas empadroadas no municipio.
Esta iniciativa forma parte da aposta do Concello de Poio por ofrecer formación presencial gratuíta, adaptada a todos os niveis, co fin de descubrir como a tecnoloxía pode transformar a vida da cidadanía.
CURSOS DA AULA CEMIT PARA O MES DE MAIO
Para o mes de maio, a Aula CeMIT ten programadas diversas actividades formativas gratuítas e presenciais. Así, do 4 ao 22 de maio desenvolverase o curso de “Alfabetización dixital: Iniciación á Informática”, en horario de 16:30 a 18:00 horas, dirixido a persoas sen coñecementos previos e no que se abordarán aspectos básicos como o uso do computador, o manexo do rato, o escritorio e a xestión de arquivos e carpetas.
Entre o 4 e o 15 de maio impartirase tamén o curso de “Iniciación ao procesador de textos LibreOffice Writer”, en horario de 18:00 a 19:30 horas, no que o alumnado aprenderá a crear e modificar documentos, aplicar formatos e traballar con táboas e gráficos.
Posteriormente, do 18 ao 28 de maio, terá lugar o curso “Manexo das follas de cálculo con LibreOffice Calc”, tamén de 18:00 a 19:30 horas, centrado no uso desta ferramenta fundamental para tarefas administrativas, permitindo aprender desde fórmulas básicas ata funcións máis avanzadas.
Do 25 ao 29 de maio celebrarase o curso “Manexo do móbil intelixente (Smartphone) e da tableta”, en horario de 16:30 a 18:00 horas, no que se explicará o funcionamento destes dispositivos, incluíndo a realización de chamadas, o acceso a Internet, a toma de fotografías e o uso de aplicacións.
Finalmente, o 29 de maio, de 18:00 a 20:00 horas, realizarase a proba de aproveitamento dos cursos online da plataforma EMA, necesaria para a obtención do diploma correspondente, que deberá solicitarse previamente a través da propia plataforma.
Para participar nas actividades será necesario ser maior de 14 anos —no caso de menores, con autorización— e, nalgúns cursos, contar con coñecementos básicos de informática. Terán prioridade as persoas residentes no Concello de Poio.
A aula ofrece tamén un servizo de aula aberta con acceso libre, previa cita, de luns a venres en horario de 19:30 a 21:00 horas. Durante este tempo, as persoas usuarias, previo rexistro, poderán empregar os equipos informáticos e a conexión a Internet, así como as asociacións e colectivos do municipio, que poderán reservar o espazo mediante solicitude previa.