Informática básica, robótica e exercicios de memoria centran as actividades da Aula Cemit de Poio na segunda quincena de xullo

11/07/2024

Tamén se pode acceder de xeito libre aos equipos, de luns a venres en horario de mañá.

A Aula CeMIT de Poio programa as últimas actividades do curso antes de pechar por vacacións o mes de agosto. Informática básica, robótica para rapazada e exercicios de memoria para adultos centran o calendario de propostas formativas para a segunda quincena de xullo, para os que xa se poden anotar, de xeito gratuíto, no correo electrónico cemit.poio@xunta.gal.

A maiores, calquera usuario que o desexe pode facer uso da aula aberta, que estará dispoñible para o acceso libre de luns a xoves de 9.00 a 10.00 horas e de 13.00 a 14.00 horas, e os venres de 9.00 a 14.00 horas.

CALENDARIO E HORARIOS

“Exercita a túa memoria” impártese os luns 15, 22 e 29 de xullo, de 10.00 a 12.00 horas. Está destinado ás persoas maiores de 55 anos para favorecer a estimulación cognitiva a través de internet e aprender a manexarse en páxinas de xogos online de xeito seguro, realizar puzzles para mellorar o seu desenvolvemento cognitivo e emocional, así como a usar chats e redes sociais.

Os martes, mércores e xoves organízase un curso de “Informática básica”, de 10.00 a 13.00 horas, nas que o alumando adquire as nocións básicas para utilizar un ordenador. Desde o acendido e apagado correcto do equipo, ata o funcionamento das ventás, gardado e creación de documentos…

Por último, e destinado para a rapazada, os días 30 e 31 de xullo organízase un taller de “Robótica”, de 10.00 a 12.00 horas. O martes 30 estará destinado para rapazada de 8 a 11 anos e, o mércores, de 12 a 15 anos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio