Inauguran o novo Local Social de Arén: un espazo pensado nas persoas e destinado para todas as xeracións

14/03/2025

“Hoxe é un día importante en Samieira, recuperamos a antiga escola unitaria de Arén para facela máis cómoda, confortable e funcional para as persoas. Samieira gaña hoxe un espazo novo, un lugar de encontro e de reunión onde desenvolver moitas das súas actividades”, destacou o alcalde.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, participaron esta mañá na inauguración do novo local social de Arén, en Samieira, nun acto no que participaron representantes da corporación así como dos diferentes colectivos da parroquia.

“Hoxe é un día importante en Samieira, recuperamos a antiga escola unitaria de Arén para facela máis cómoda, confortable e funcional para as persoas. Samieira gaña hoxe un espazo novo, un espazo para os seus veciños e as súas veciñas. Un lugar de encontro e de reunión onde desenvolver moitas das súas actividades. Un espazo que vai atender as necesidades de todas as xeracións, desde as máis novas ata os máis maiores”, subliñou Moldes, ao poñer en valor “o dinamismo” do movemento asociativo que hai nesta parroquia e que “ben merecía un local como este”.

A rehabilitación e ampliación da antiga unitaria contemplou a creación de tres novas salas de uso polivalentes, mellora da eficiencia enerxética, da accesibilidade, seguridade e habitabilidade, e contou cun investimento que supera os 260.000 euros, cofinanciados entre o Concello de Poio, que achegou 120.000 euros, e fondos europeos. Neste senso, destacou a importancia da colaboración entre administracións para os concellos, porque permite ofrecer mellores servizos e infraestruturas para a veciñanza.

Tras facer un percorrido polo novo local, o alcalde recoñeceu que desde o Goberno local están especialmente satisfeitos porque hoxe este Centro Social sexa unha realidade. Así, recordou que foi un longo camiño ata chegar aquí, “xa que tanto o proxecto como o investimento estaban en risco en xuño de 2023, porque nin había partida no orzamento para facer esa achega municipal que tivo que asumir o Concello de Poio, nin se estaban cumprindo cos prazos marcados desde Europa. Foi a pronta actuación deste Goberno e dos servizos técnicos municipais quen garantiu que este proxecto sexa hoxe unha realidade e evitou que quedase sobre un papel”. Para solucionar esta situación, explicou que “unha mala nova”, unha subvención da Deputación denegada para Viñas, As Laxes, Tarrío e Arén, permitiu cambiar, “tras consensualo cos colectivos”, o uso dos fondos municipais para o Centro Social de Arén e así garantir a continuidade deste proxecto.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio