IGUALDADE CONSEGUE MÁIS DE 16.000 EUROS PARA A RENOVACIÓN DE MOBILIARIO E EQUIPOS INFORMÁTICOS DO CIM

12/01/2024

2023.

A Concellería de Igualdade vén de obter unha subvención de máis de 16.000 euros para a mellora de equipamentos do departamento. Tal e como informa a tenente de alcalde e responsable da área, Silvia Díaz (Avante Poio), son concretamente 16.640 euros os que o Concello de Poio solicitou con éxito á Secretaría Xeral de Igualdade, dependente da Xunta de Galicia. Esta liña de axudas realízanse ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero. Este investimento destínase á dotación de mobiliario e novos soportes informáticos para o Centro de Información á Muller (CIM).

Cómpre lembrar que o departamento de Igualdade trasladouse o pasado mes de abril ao Palacete de Besada, que foi obxecto dunha profunda rehabilitación nos últimos meses, cun orzamento próximo aos 500.000 euros. Desde hai unhas semanas é neste emblemático inmoble onde se presta atención ao público tanto por parte do propio CIM como doutras áreas como Servizos Sociais e Mocidade. No caso de Igualdade, o persoal atópase no primeiro andar. O Concello promoveu a reforma deste histórico inmoble, que a principios do século XX albergou a residencia do exministro de Asuntos Económicos Augusto González Besada, a través dunha achega do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A reforma efectuada no Palacete de Besada serviu para dotar ás dependencias de servizos básicos, ademais de varias salas e despachos para o persoal municipal, así como un salón de actos no primeiro andar, no que nos últimos meses xa se celebraron diferentes eventos, entre outros equipamentos, que inclúen unha aula de lectura na última planta.

Con respecto á achega acadada por Igualdade, o novo material e soporte informático, que inclúe ordenadores, impresoras, escáneres e un lector de sinatura dixital, atópase nos despachos destinados á atención psicolóxica e a asesoramento xurídico e dirección, ocupados pola psicóloga e a avogada, respectivamente. Parte do mobiliario atópase tamén na zona común que fai as veces de sala de agarda. O horario de atención ao público é de 8.00 a 15.00 horas.

Por outra banda, Silvia Díaz tamén lembra que desde o pasado mércores permanece aberto o prazo de inscrición para solicitar praza na ludoteca de verán Espazo Concilia, promovida pola Concellería de Igualdade. Póñense a disposición da veciñanza un total de 45 prazas, desde o 3 de xullo ata o 8 de setembro, cun prezo de 25 euros para as mensualidades de xullo e agosto e 10 euros para setembro. O período permanecerá aberto ata o vindeiro martes 23 de maio.  

A tramitación pódese levar a cabo a través da Sede Electrónica do Concello, operativa durante as 24 horas do día, ou solicitando cita previa no Rexistro Municipal ou no Rexistro habilitado no propio Palacete de Besada.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio