Habilitan un servizo gratuíto de microbús para votar o 18F nas mesas electorais de Chancelas

10/02/2024

Mantéñense tamén os servizos ao colexio Isidora Riestra

Os veciños de Poio contarán con transporte gratuíto o domingo 18 para exercer o seu dereito a voto nas mesas electorais do CEIP de Chancelas. Un microbús sairá ás 11.00 e 17.00 horas desde a Praza da Chousa para facilitar o traslado de ida e volta aos veciños do centro de Combarro ata o colexio, onde nas últimas convocatorias electorais se estableceron as mesas de votacións.

Con estes servizos gratuítos de traslado búscase facilitar que todas as persoas poidan exercer o seu dereito a voto nas eleccións autonómicas do domingo 18, e que o desprazamento ás súas mesas electorais non supoña un problema. De feito, nos anteriores comicios, o alcalde Ángel Moldes xa propuxera crear unha liña directa para facilitar estes desprazamentos.

Nesta liña, desde o concello recordan que moitos veciños residen no conxunto histórico e na súa contorna e teñen dificultade para poder achegarse ata Chancelas, principalmente no caso de persoas maiores porque, ademais, non hai ningunha zona segura para chegar a pé ata o colexio escolar.

Ademais deste autobús, tamén se manteñen os percorridos e traslados ao colexio Isidora Riestra. A primeira ruta, con saída ás 11.00 e ás 17.00 horas, partirá da Capela da Escusa, facendo paradas en Riomouro, no cruce da Escusa; Vilariño, Sartal e Convento, diante do cemiterio municipal.

A segunda ruta ao CEIP Isidora Riestra sairá tamén ás 11.00 e 17.00 horas desde a parada de autobús de Vilar, con recollida de persoas na Praza de Esperón, Pereiro de Arriba e de Abaixo e Casalvito.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio