Este venres inauguramos a remodelación integral do parque de Lourido, con festa da escuma e a animación de Javi Solla

10/06/2026

Trátase dunha área de xogos infantil con temática mariña, que conta tamén cunha escultura en honra ás familias, elaborada pola Escola de Canteiros de Galicia.

O Concello de Poio inaugura este venres, día 12 de xuño, a rehabilitación integral do parque infantil Costa Xiráldez, en Lourido, cunha festa para a rapazada que conta con escuma e a animación de Javi Solla. Será a partir das 17.30 horas. Ademais, durante o acto, descubrirase tamén a nova escultura en honra ás familias, elaborada pola Escola de Canteiros de Galicia, e que pon en valor a importancia das familias nas políticas e na xestión desenvolvidas polo Goberno local.

O novo parque de Lourido estrea así unha nova temática mariña, cun faro como eixo central do seu deseño, un símbolo moi frecuente na costa galega pero moi pouco utilizado en áreas de xogo infantís.

O faro inclúe tres tipos de tobogáns, con plataformas a diferentes alturas e accesos múltiples a través de rampas de escalada e rede túnel, así como estacións de solo que aportan exploración cognitiva, xogo simbólico e experiencias sensoriais auditivas e táctiles. Un elemento de xogo adaptado para varias idades e inclusivo, para que o maior número de usuarios posible poida achegarse, permanecer e xogar con autonomía ou con asistencia.

Hai tamén columpios con asentos normal, bebé e nido, este último deseñado para que poida ser accesible para nenos e nenas con mobilidade reducida. Outros elementos incorporados son xogos xiratorios, balancíns, camiños exploradores, muelles… todos eles con deseños mariños.

Esta reforma forma parte do plan integral do Goberno local para modernizar e mellorar as áreas de xogo de Poio. Entre as intervencións máis destacadas inclúese a creación da primeira pista pump-track de Poio e a renovación do parque da Seca, o parque de Cristóbal Colón en Ánkar, a creación dunha pista multideportiva en Vilariño ou a recente consecución dos terreos para crear o primeiro parque infantil público en Samieira. Ademais, continúan realizándose tarefas de mantemento e mellora nas zonas de xogo de todo o municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio