Convocado o Consello de Participación Veciñal para impulsar as aportacións e suxestións ao orzamento para o ano 2025

07/12/2024

A sesión celebrarase o martes 10 de decembro, ás 19.30 na Casa do Concello.

O Goberno local convoca o Consello de Participación Veciñal para impulsar as aportacións e suxestións dos colectivos aos orzamentos do Concello de Poio para o ano 2025. A sesión celebrarase o martes, 10 de decembro, ás 19.30 horas no salón de plenos, e nela están incluídas, ademais dos representantes dos grupos municipais, representantes das asociacións veciñais locais.

O alcalde Ángel Moldes subliña que para o Goberno é importante fomentar a participación da cidadanía nun documento prioritario, que vai marcar a acción e xestión para os próximos doce meses. “Somos un Goberno que escoita, que aposta polo diálogo, e por iso queremos coñecer as súas opinións e trasladarlle de primeira man cales son as liñas fundamentais do documento”, explica.

Nesta liña, adianta que tras o orzamento de transición de 2024, que permitiu ir saneando as contas sen renunciar a garantir a prestación nin calidade dos servizos municipais, o documento para o próximo ano non prevé concertar ningunha operación de endebedamento e xa vai aplicar a redución de impostos e taxas das viñetas dos coches e dos vados, así como as bonificacións do IBI para as familias numerosas do municipio e a conxelación do resto de tributos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio