“Era o noso obxectivo, e por iso fixemos un intenso proceso de escoita, con reunións individuais para ter en conta as súas necesidades e alegacións, porque son eles os que van convivir diariamente con este proxecto”, sinala Ángel Moldes.
O novo proxecto para mellorar a mobilidade e seguridade da EP-0601 entre Portosanto, Campelo e a PO-308 recibiu onte o consenso da veciñanza, nunha reunión informativa que organizou o Concello de Poio cos técnicos da Deputación de Pontevedra para explicar polo miúdo todas as melloras, aportacións e alegacións que se incluíron na modificación do proxecto.
Moldes recordou aos asistentes que esta actuación, que ascende a preto de 4M€, dividirase en dúas fases que se executarán de xeito continuado no tempo. Onte presentaron o proxecto modificado do primeiro tramo que se vai executar, desde a PO-308 ata pasados uns metros da Escola de Música, e que contará cun investimento de máis de 1,8M€. A idea, sinalou, é realizar esta primeira fase e, mentres se está executando, avanzar no itinerario alternativo para o sentido único que se vai establecer desde a Praza da Granxa e, así, poder comezar de seguido coa execución da segunda fase.
“Este proxecto vai supoñer unha transformación para Campelo, permite comunicar e vertebrar toda a parroquia de San Xoan e, sobre todo, vai mellorar de xeito importante a seguridade e calidade de vida da veciñanza”, recordou Moldes.
Ademais, subliñou a importancia de que este novo proxecto, a diferencia do que había do anterior Goberno na Deputación de Pontevedra, conte co máximo consenso da veciñanza. “Era o noso obxectivo, e por iso fixemos un intenso proceso de escoita, con reunións individuais para ter en conta as súas necesidades e alegacións, porque son eles os que van convivir diariamente con este proxecto”, engadiu. Ademais, adiantou que no tramo que se vai realizar coa segunda fase tamén se tiveron en conta a maior parte das anotacións realizados polos veciños. O que está descartado, sinalou, é esa proposta que facían no proxecto inicial para desviar o tráfico polo camiño dos Mouchos. Por iso, volveu agradecer á Deputación de Pontevedra “a comprensión, colaboración e disposición para modificar un proxecto herdado, que xeraba máis problemas que solucións e non convencía a practicamente ningún veciño”.
Proximamente Concello de Poio e Deputación de Pontevedra asinarán o convenio para que este proxecto, entre A Seara e Campelo, sexa unha realidade canto antes. Unha vez asinado o convenio, o proxecto someterase a exposición pública para, posteriormente, comezar o proceso de licitación.
Nesta primeira fase vaise executar un itinerario peonil de 2,5 metros de ancho, para potenciar, humanizar e dinamizar toda a contorna en beneficio dos usuarios entre a Seara e a Escola de Música. Ademais, tamén está previsto levar a cabo obras de pavimentación, así como mellora dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e abastecemento, o soterramento dos servizos de telecomunicacións e electricidade e a renovación da instalación do alumeado público.