Concello e confrarías analizan fórmulas que beneficien ao sector para a celebración da Festa da Ameixa de Campelo

01/07/2024

Ángel Moldes trasladoulles que, sendo conscientes das dificultades que están atravesando este ano, o Concello de Poio quere ser útil.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, mantivo onte pola tarde unha reunión cos representantes das tres confrarías do municipio, a Confraría de San Gregorio de Raxó, de Lourizán e de San Telmo, para analizar a situación do sector e buscar a mellor fórmula para organizar a Festa da Ameixa de Campelo, que se celebra a finais de setembro pero que, como sinalou Moldes, “estamos no momento de avanzar con todos os preparativos, e debemos ter claro que é o que imos facer coa edición deste ano”. Para iso entende que “hai que decidilo escoitando aos protagonistas, coñecendo as súas opinións e consensuando con eles que é o mellor para os seus intereses”. Nesta liña, asegurou que “o Concello de Poio é consciente das dificultades que están atravesando este ano, e por iso queremos ser útiles co sector, buscar a fórmula que lles beneficie nun ano e nunha situación excepcional e moi complicada”.

Así, o alcalde recordou que o obxectivo da festa é “dinamizar a nosa economía e potenciar a imaxe do noso concello, pero tamén poñer en valor os nosos produtos e a noa xente do mar, e por iso é fundamental ir da man co sector, escoitar as súas inquendanzas para acertar coa fórmula que beneficie a mariscadoras e mariscadores que levan un ano moi duro, provocado pola mortandade e escaseza de produto”. De feito, durante o encontro, representantes das tres confrarías explicaron que neste momento o marisqueo a flote da ameixa babosa continúa pechado e están traballando o marisqueo a pé coa ameixa xapónica, e continúan resembrando semilla nos bancos marisqueiros.

As confrarías propuxeron que a Festa da Ameixa de Campelo se celebre a finais de setembro, pero tendo en conta as mareas, para poder asegurar a extracción do mellor produto posible. Como edicións pasadas, incluirá todos os actos institucionais, entre os que se inclúen a homenaxe ás mariscadoras e mariscadores que se xubilaron ao longo deste ano, e programación lúdica e cultural.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio