Prevé executar un tanque de tormentas nas inmediacións do bombeo de recheo actual e renovar o bombeo da Barca. O obxectivo é seguir reducindo os alivios para incrementar a calidade das augas da ría. O Goberno local trasladou o documento á Comisión Informativa de Facenda antes da súa aprobación no pleno deste mes.
O Concello de Poio e Augas de Galicia asinarán un convenio de colaboración para construír un depósito de retención na zona de recheo actual e renovar o bombeo da Barca, así como dous aliviadoiros de seguridade, co obxectivo de optimizar o saneamento do municipio e seguir mellorando a calidade das augas da ría.
O alcalde, Ángel Moldes, presentou o convenio na Comisión Informativa de Facenda celebrada esta mañá, como paso previo á súa aprobación no pleno ordinario de maio. O investimento total das actuacións ascende a 4.020.472,09 euros, dos que Augas de Galicia achegará o 80 %, a través de fondos FEDER, mentres que o Concello de Poio asumirá o 20 % restante.
A actuación prevista busca dar resposta a algúns dos problemas identificados no Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, que abrangue os municipios de Poio, Marín e Pontevedra. Entre eles figuran o exceso de caudais na rede debido á intrusión de auga do mar, os alivios durante episodios de choiva e os problemas de infiltración. Para corrixir estas deficiencias, proponse unha serie de actuacións destinadas a garantir un tratamento máis eficiente das augas residuais e contribuír á protección ambiental da ría.
O convenio contempla a execución dun tanque de tormentas nas inmediacións do bombeo de recheo actual, cun depósito de retención de 600 m³, un caudal máximo de bombeo de 60 l/s e unha nova impulsión cara a un colector que descende por gravidade ata o bombeo de Froiz, evitando así o paso polo bombeo de Saíñas. A infraestrutura estará totalmente soterrada, o que permitirá unha mellor integración na parcela e recuperar o seu uso como espazo verde.
Este convenio completa as actuacións que a Xunta e o Concello están executando a través doutro acordo, valorado tamén en 4 millóns de euros, que inclúe a construción dun depósito de retención de auga (tanque de tormentas) na Seca, a renovación dos bombeos de Porto Campelo e Miradoiro e a adecuación do bombeo de Froiz para mellorar o seu funcionamento.