CONCELLO E ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE CAMPELO COLABORAN PARA ELIMINAR UN PUNTO DE VERTIDO E CREAR MIRADOIROS

13/01/2024

2023.

Ángel Moldes reuniuse esta fin de semana con veciños do Camiño do Castro: “Son pequenas actuacións que dan un gran servizo e contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas”.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, reuniuse esta fin de semana con veciños do Camiño do Castro, en Campelo, para avanzar nunha colaboración entre o Concello e a asociación veciñal para eliminar un punto de vertido e adaptar dúas zonas novas con miradoiros.

A asociación de veciños vén de recibir unha axuda de 8.000 euros do Plan Social de Ence para eliminar este punto de vertidos incontrolados e, tras escoitar as súa proposta, Ángel Moldes anuncioulles que o Concello de Poio tamén colaborará coa asociación para desenvolver esta primeira fase, na que ademais de eliminar este punto de vertido incontrolado inclúe tamén acondicionar a zona para habilitar un miradoiro, con iluminación e unha varanda de seguridade. Xa para unha segunda fase deixarase a reposición dun camiño de acceso e adecuar outro miradoiro.

Moldes agradece a iniciativa dos veciños, e destaca que “estas actuacións, aínda que parecen pequenas, dan un gran servizo e contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas que viven nesas zonas”. E destacou que, precisamente, esta é a filosofía do novo Goberno: “desenvolver proxectos consensuados cos veciños e que sexan participativos, porque eles mellor que ninguén coñecen cales son as principais necesidades de cada lugar”. 

Con esta actuación, engade, “seguimos avanzando para eliminar eses puntos conflitivos onde de xeito moi puntual continúan vertendo voluminosos e outros enseres, mellorando a imaxe do noso concello e protexendo o medio ambiente. E, ademais, facémolo dándolle a volta, convertendo un vertedoiro nun miradoiro atractivo para veciños e visitantes”. 

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio