Ángel Moldes destaca que a actuación, cun investimento de preto de 230.000 euros, permitirá mellorar a accesibilidade, a seguridade e a mobilidade nunha zona estratéxica para Poio. “Esta reforma era moi necesaria e demandada tanto pola veciñanza como polos autónomos e comerciantes. Estamos a falar dun aparcadoiro municipal que utilizan miles de persoas durante todo o ano e que, ademais de dar servizo ao Centro Comercial, será un complemento para toda a zona da Barca”, destaca.
O Concello de Poio iniciou as obras que permitirán transformar os accesos e o estacionamento público na contorna da ponte da Barca, unha actuación destinada a acondicionar e humanizar un espazo estratéxico pola súa importancia para a mobilidade e a actividade comercial nunha das parroquias máis poboadas do concello.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, visitou o inicio dos traballos e destacou a importancia dunha intervención que permitirá actuar tanto nos viarios de acceso ao Centro Comercial A Barca como no aparcadoiro público municipal situado nesta contorna.
“Consideramos que era unha actuación necesaria e, unha vez máis, convertemos en feitos os compromisos que asumimos coa veciñanza, co Centro Comercial e cos autónomos que teñen aquí os seus negocios. Hoxe esta actuación xa é unha realidade”, salientou Moldes.
O proxecto conta cun investimento próximo aos 230.000 euros e está financiado a través do Plan Hurbe da Xunta de Galicia, que achega o 70% do orzamento, mentres que o Concello de Poio asume o 30% restante. As obras foron adxudicadas a Construcións Fechi.
A intervención permitirá mellorar os viarios de acceso ao centro comercial e acondicionar integramente o aparcadoiro público. Entre os traballos previstos inclúense a rehabilitación do firme, o acondicionamento e reposición das beirarrúas e a eliminación de barreiras arquitectónicas. O obxectivo é conseguir un espazo máis seguro, accesible e visualmente homoxéneo, garantindo a continuidade dos itinerarios peonís e facilitando tamén a circulación dos vehículos.
A actuación permitirá, ademais, reforzar o aparcadoiro municipal como espazo complementario á transformación da avenida da Barca. Deste xeito, as persoas usuarias poderán estacionar nesta zona para acceder tanto ao centro comercial como aos diferentes establecementos, servizos e negocios existentes na avenida da Barca.
“Esta reforma era moi necesaria e demandada tanto pola veciñanza como polos autónomos e comerciantes. Estamos a falar dun aparcadoiro municipal que utilizan miles de persoas durante todo o ano e que, ademais de dar servizo ao Centro Comercial, será un complemento para toda a zona da Barca”, explicou Ángel Moldes. Trátase dunha zona cunha elevada actividade comercial e de servizos e cun tránsito continuo tanto de vehículos como de peóns.
O alcalde agradeceu tamén o compromiso da Xunta de Galicia con Poio a través do financiamento desta actuación, que se suma aos proxectos que se están a desenvolver na contorna da Barca co obxectivo de modernizar este ámbito, mellorar a mobilidade e facelo máis accesible, cómodo e seguro para a veciñanza, os comerciantes e as persoas que diariamente se desprazan ata esta zona.