Clausura do curso de limpeza hospitalaria e de edificios, con entrega de diplomas ao alumnado participante

01/07/2025

O alcalde, Ángel Moldes, destaca o compromiso do Concello coa formación e empregabilidade.

O Concello de Poio clausurou esta mañá o curso “Limpeza hospitalaria e de edificios”, promovido en colaboración coa fundación Acción Contra el Hambre. A formación, que contou cun total de 100 horas entre sesións teóricas e prácticas, completou as 16 prazas dispoñibles e pecha cun alto nivel de participación, aproveitamento e unha inserción laboral do 50% das alumnas.

Durante o acto de entrega de diplomas, o alcalde Ángel Moldes, acompañado da concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, destacou o esforzo do alumnado e o valor dunha formación que abre portas no mundo laboral. “É unha oportunidade real para acceder a un sector cunha alta demanda, e desde o Concello imos seguir apostando por este tipo de iniciativas que melloran a empregabilidade das persoas”, subliñou Moldes.

Este curso enmárcase dentro dun programa máis amplo que inclúe formacións orientadas a mellorar as competencias profesionais da veciñanza, especialmente das persoas en situación de desemprego. Nos últimos meses, o Concello e a fundación Acción Contra el Hambre tamén puxeron en marcha cursos de atención ao cliente en comercio-supermercado e de carnicería e charcutería, todos eles gratuítos para o alumnado e con resultados moi positivos en termos de inserción laboral.

Coa clausura deste curso, o Concello de Poio reafirma o seu compromiso cunha formación útil, accesible e centrada nas necesidades reais do mercado laboral.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio