A nova programación da aula CeMIT inclúe cursos de informática básica, manexo do smartphone, memoria e ocio en internet e correo electrónico

23/04/2024

Tamén se inclúen titorizacións, un servizo gratuíto e presencial para resolver dúbidas e tratar de axudar ás persoas que necesitan orientacións con algunha ferramenta tecnolóxica.

A Aula CeMIT de Poio lanza a nova programación para o mes de maio, na que se inclúen cursos de informática básica, aprender o manexo de smartphone, envío de correos electrónicos e talleres para exercitar a memoria e ocio en internet para persoas maiores. Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso da aula aberta, que estará dispoñible para o acceso libre todos os mércores, con cita previa, de 16.30 a 20.30 horas, e os luns, martes e xoves, de 19.30 a 20.30 horas.

No mes de maio, tamén se ofrecen titorizacións, un servizo gratuíto e presencial para resolver dúbidas e tratar de axudar ás persoas que necesitan orientacións con algunha ferramenta tecnolóxica, como por exemplo o ordenador portátil, a tableta, o teléfono móbil ou mesmo internet. Ademais, coa campaña da declaración da renda comezada, ofértase o servizo de axuda á cidadanía sobre como acceder a este tipo de xestións dixitais: certificado electrónico, Cl@ve PIN e DNI electrónico. Estas titorizacións estarán dispoñibles os martes, de 16.30 a 18.00 horas.

Todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia Cemit.

CALENDARIO E HORARIOS

O curso “Correo electrónico” impartirase os luns e xoves, de 16.30 a 18.00 horas, e incidirá sobre a creación, configuración e u so do servizo de mensaxería de Google.

Eses mesmos días, pero de 18.00 a 19.30 horas, desenvolverase o curso “Informática básica”, na que se explicará ao alumnado cales son os primeiros pasos no manexo dun ordenador, incidindo nas xanelas e pestanas e na xestión de documentos.

“Manexo do smartphone” celebrarase os martes, de 18.00 a 19.30 horas, e ofrecerá recomendacións e indicacións para configurar e usar o teléfono móbil.

Por último, “Exercita a túa memoria e Ocio en internet” impártese todos os venres de maio, de 16.30 a 20.30 horas. Está destinado ás persoas maiores para favorecer a estimulación cognitiva a través de internet e aprender a manexarse en páxinas de xogos online de xeito seguro, realizar puzzles para mellorar o seu desenvolvemento cognitivo e emocional, así como a usar chats e redes sociais.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio