O alcalde Ángel Moldes asegura que faise realidade un compromiso adquirido coa veciñanza.
As xestións realizadas polo Goberno de Poio permiten instalar en Raxó un caixeiro automático de Abanca que dá resposta ás demandas dos veciños e a un compromiso que, segundo sinala o alcalde, Ángel Moldes, “é xa unha nova realidade”.
Así, este caixeiro instalado na avenida da Toxa, onde está o almacén do supermercado Froiz, evitará que tanto os residentes como os visitantes que cada verán elixen esta parroquia para gozar das súas vacacións teñan que desprazarse a outras localidades para facer unha xestión tan básica como pode ser retirar efectivo e facer outro tipo de operacións. Unha situación que se arrastra desde hai dez anos, cando se pechou a oficina bancaria.
“Era unha necesidade real que reclamamos como oposición e para a que, xa como Goberno, consideramos que era urxente e prioritaria. Por iso nos implicamos desde o primeiro momento en buscar unha solución e dotar deste servizo tan demandado á veciñanza”, sinala Moldes que, asegura tamén que esta xestión conseguiuse sen que supoña ningún custe para o concello.
Ademais, insiste en que “si queremos aproveitar o tirón turístico de Raxó e apoiar a un sector tan importante para o noso concello, é fundamental ofrecer este tipo de servizos”. Como exemplo, explica que ata o de agora, si alguén en Raxó quedaba sen cartos en efectivo tiña que desprazarse ata Combarro ou incluso Sanxenxo para retiralos, uns desprazamentos que en tempada alta se complican pola densidade de tráfico pero que, ademais, non poden realizar todas as persoas, como pode ser no caso de maiores ou das que non dispoñen de coche propio.