AS INSTALACIÓN DEPORTIVAS DA SECA E A REIBOA COLLERÁN ESTE SÁBADO UNHA XORNADA DE CONVIVENCIA ORGANIZADA POLO PONTEVEDRA RUGBY CLUB

12/01/2024

2023.

A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, participou hoxe no acto de presentación da xornada de convivencia de rugby, que se vivirá este sábado, 15 de abril, na Seca, na parroquia de San Xoán. Unha cita que está organizada polo Pontevedra Rugby Club e na que colabora o Concello de Poio cedendo o uso destas instalacións deportivas.

Caldas estivo acompañada polos responsables da entidade pontevedresa, que explicaron que esta xornada de convivencia vivirase en formato torneo, coa participación de diferentes escolas de rugby de toda Galicia. Prevese a participación de preto de 400 nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos. Ademais da súa importancia como evento deportivo, Marga Caldas tamén salientou que “o feito de que Poio acolla un evento destas características tamén suporá un pulo moi importante para a actividade económica local en sectores como a hostalería ou os aloxamentos”.

Unha das particularidades deste torneo é que non será de carácter competitivo, senón que contará cunha filosofía máis formativa, polo que non haberá marcadores. O obxectivo é fomentar valores de respecto cara os e as rivais e os árbitros, algo que tamén se transmite nas etapas de formación polas que atravesan os cativos e cativas participantes. Marga Caldas amosou a súa satisfacción polo feito de que A Seca vaia ser o centro neurálxico deste torneo, que servirá para “continuar dando visibilidade a unha modalidade deportiva que non deixa de medrar” e que, de feito, tamén se incluíu esta tempada dentro da oferta das Escolas Deportivas Municipais de Poio.

Ao remate do evento non faltará o tradicional ‘terceiro tempo’, ofrecido polo club organizador. Este tipo de concentracións “supoñen unha oportunidade ideal para fomentar hábitos saudables e facer amizades a través do deporte”, conclúen os seus responsables.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio