As familias numerosas de Poio xa poden solicitar a súa bonificación do IBI, que reducirá os recibos entre o 40 e 90%

11/12/2024

Ángel Moldes sinala que é unha “mellora xusta, real e necesaria” para as 235 familias numerosas empadroadas no municipio. Teñen ata o 31 de marzo para solicitar esta redución no rexistro municipal ou a través da sede electrónica.

As 235 familias numerosas empadroadas en Poio xa poden solicitar a bonificación do IBI aprobada polo Concello, que permitirá reducir os seus recibos entre o 40 e o 90%. Unha “mellora moi importante” que, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, supón “unha medida xusta, real e necesaria que reafirma o noso compromiso coas familias, porque investir nelas é apostar polo futuro e polo crecemento de Poio”.

Tras a aprobación definitiva da modificación da ordenanza fiscal do imposto de bens e servizos, aprobada no pleno de setembro, as familias xa poden solicitar esta bonificación ata o 31 de marzo, ben a través do rexistro municipal ou da sede electrónica. Xunto coa solicitude, deben aportar o título de familia numerosa vixente a 1 de xaneiro do exercicio no que debe surtir efectos a bonificación, certificado ou volante de empadroamento, declaración do IRPF dos integrantes da familia ou ben autorización á administración tributaria do Concello para acadar eses datos da Axencia Tributaria.

A principal novidade, explica Moldes, é que esta modificación inclúe nas bonificacións os criterios de renda per cápita, é dicir, contempla no cálculo da renda o número de membros que forman parte da unidade familiar, e de progresividade, uns aspectos consensuados coa Asociación Galega de Familias Numerosas. Esta novidade permitirá que, fronte aos sete beneficiarios das bonificacións do IBI dos últimos anos, a partir deste momento estas reducións beneficiarán a practicamente todas as familias numerosas.

“Seguimos facendo realidade o noso programa de Goberno. Somos coherentes, e por iso esta medida, que reclamamos na oposición, cumprímola como Goberno. Esta é unha bonificación real que vai incidir de xeito directo no peto das familias do noso concello”, engade.

Para ser beneficiarios a renda da unidade familiar dividida polos membros da mesma non poderá superar o dobre do indicador público de renda de efectos multiples (IPREM) vixente referido a 12 pagas. Ademais, no caso de que teñan ata 3 fillos, o recibo reducirase un 40% e, a partir de aí, engadirase un 10% máis de bonificación por cada fillo na unidade familiar (50% para catro, 60% no caso de cinco… ata o 90% en caso de que sexan oito ou máis).

A bonificación manterá unha vixencia de cinco anos, sempre que non cambien as condicións do suxeito pasivo beneficiario, que nese caso deberá comunicar calquera cambio na condición de titular de familia numerosa. Tras eses cinco anos, deberá presentarse unha declaración responsable na que se faga constar que se manteñen as condicións para ser beneficiario da bonificación, e tamén antes do 31 de marzo do ano correspondente.

BAIXADA IMPOSTO CIRCULACIÓN E TAXA DE VADOS

Ademais desta bonificación do IBI para as familias numerosas, en 2025 tamén se aplica para todos os veciños a redución nun 5% do imposto de circulación ou viñeta e a taxa dos vados, que supoñen a primeira baixada de impostos do Goberno local e tamén a primeira minoración de impostos que se recorda nas últimas décadas. O resto de tributos conxélanse.

“O cambio é claro, queremos uns impostos e taxas xustos para a veciñanza do noso concello”, conclúe.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio