APROBADA POR UNANIMIDADE A CREACIÓN DA MESA DE TURISMO DE POIO 

13/01/2024

2023.

O Pleno Municipal de Poio aprobou este martes por unanimidade a creación da Mesa de Turismo, un órgano formado por representantes de todo o sector turístico do concello, administracións, colectivos, veciñanza, grupos políticos “e todos os axentes relacionados coa actividade turística para afrontar xuntos os desafíos do sector”, en palabras da tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Rocío Cochón.

Cochón agradeceu as contribucións de técnicos municipais e aos grupos da oposición “para acadar en moi pouco tempo un texto de consenso, con achegas de todos”, o que posibilitará constituír a Mesa á maior brevidade e traballar da man do sector e da veciñanza por un obxectivo tan importante como é consolidar Poio como referente de turismo sostible e de calidade.

Entre os obxectivos principais que se marca a Mesa a medio prazo están avanzar na desestacionalización, a sustentabilidade, a internacionalización, a accesibilidade universal e o equilibrio territorial, sempre defendendo e poñendo en valor o patrimonio tanxible e intanxible de Poio.

“Para nós, o ‘interese turístico’ non é unha expresión baleira”, explicou Cochón, que avanzou que “Poio teno todo para ser líder en turismo sustentable e de calidade. Temos os recursos, temos un sector de primeira e agora desde a Corporación tamén darémolo todo para acadar ese obxectivo”

“UN ÓRGANO EXPERTO E PARTICIPATIVO, OPERATIVO E ABERTO”

Cochón destacou que coa creación da Mesa “imos dotar ao turismo de Poio dun órgano consultivo ao mesmo tempo experto e participativo, operativo e aberto”, con representantes do sector, das administracións e do tecido social e económico.

Será “un espazo de encontro que permitirá sumar as experiencias e coñecementos de todos para “ofrecer unha visión conxunta e traballar unidos para aproveitar ao máximo o potencial turístico, ofrecer aos que nos visitan unha experiencia inmellorable e única e garantir que esa excelencia turística sexa compatible coa sustentabilidade, o resto de actividades e a protección e mellora do patrimonio natural e cultural de Poio”.

A Mesa de Turismo está presidida polo alcalde, e incluirá á persoa responsable da Concellería de Turismo na vicepresidencia, xunto a unha secretaría técnica. Ademais, integrará máis dunha vintena de membros, con representantes das forzas políticas da Corporación, das administracións con competencias en Turismo, como Xunta, Deputación e Goberno central, entidades como o Clúster de Turismo, as Mancomunidades de Pontevedra e o Salnés e os GALP. 

O tecido empresarial e profesional do municipio estará especialmente presente, con representantes de todos os sectores -hospedaxe, tamén as vivendas turísticas-, restauración, navieiras, ou servizos turísticos; ao igual que o asociacionismo, con colectivos veciñais, culturais e deportivos e outros axentes sociais e económicos do Concello, como as Comunidades de Montes e os homes e mulleres do mar. Ademais, a Mesa poderá propoñer a incorporación de novos membros, así como convidar a profesionais e expertos en calquera ámbito para non perder ningunha perspectiva. 

O órgano recén creado reunirase dúas veces ao ano, unha por semestre, intentando que esas reunións coincidan cos periodos de menor actividade do sector, e o Goberno avanzou que a primeira reunión se espera para antes de final de ano.

Desde a chegada do novo goberno, puxéronse en marcha importantes iniciativas como o impulso de Tambo como referente do turismo natural e sostible, o proceso de escoita e mellora das variantes xacobeas, a solicitude de novos sendeiros azuis para rutas naturais ou o inicio do expediente para a declaración da Ameixa como Festa de Interese de Galicia, asuntos todos eles que se exporán na primeira reunión da Mesa, xunto á campaña de Nadal e iniciativas pensadas para o inicio de 2024.

“Temos moitos proxectos e iniciativas nas que estamos traballando e a Mesa será o lugar ideal para compartilas. Vénse un ano novo apaixoante para o Turismo de Poio e queremos que nos colla traballando xuntos co sector”, rematou Cochón.

CONSENSO TAMÉN NA MOCIÓN DO 25N

Os tres grupos da corporación aprobaron tamén a moción conxunta elaborada con motivo da conmemoración do 25N, na que ademais de ratificar o compromiso do Concello de Poio coa erradicación e prevención da violencia machista en todas as súas expresións. A elaboración deste documento, que tamén se suma á Declaración Institucional, inclúese dentro da campaña “A violencia machista vai contigo, que non te enr@den”, elaborada polo Concello de Poio e que este ano se centra nos riscos do mal uso das novas tecnoloxías e no consumo do móbil nas idades máis novas.

Ademais, durante o pleno todos os concelleiros levaban posta as camisetas elaboradas polas asociacións membros do Consello Municipal da Muller e que se repartiron durante a andaina Camiño Violeta.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio