Ángel Moldes visita a humanización entre Casalvito e O Padrón, que encara a súa recta final

25/09/2026

O Concello de Poio ampliou o proxecto inicial, financiado con fondos provinciais, para ensanchar a estrada grazas á cesión voluntaria de terreos por parte da veciñanza. Destaca a importancia de estar a pé de obra, supervisando e comprobando para resolver as necesidades que van xurdindo.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, comprobou esta semana o avance das obras de recuperación da contorna e mellora da mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón, que encaran xa a súa recta final.

Neste momento, a empresa adxudicataria está a traballar no ensanche da travesía de Casalvito, unha actuación que supón unha ampliación do proxecto inicial e que é posible grazas á cesión voluntaria e gratuíta de terreos por parte da veciñanza.

As máquinas están a realizar as escavacións nos laterais do camiño e, posteriormente, colocaranse os muros de contención antes de pavimentar todo o tramo. Esta ampliación do proxecto inicial incluíu tamén a instalación de camisas para dar resposta a 44 usuarios con traídas de auga particulares, de xeito que, en caso de rotura, poidan repoñer as súas tubaxes sen necesidade de levantar o pavimento.

Moldes recoñece que esta é a fase máis complexa das obras e destaca que é posible grazas “a veciños xenerosos que priorizan a mellora da contorna, da mobilidade e da calidade de vida, cedendo de xeito gratuíto metros das súas fincas”. Ademais, agradeceu tamén o traballo do persoal municipal: “Foi unha xestión moi complexa, que requiriu moito diálogo, acordos e trámites”. Por último, recoñeceu que “mellorar este proxecto foi posible grazas á vontade de todos, pero sobre todo, por estar a pé de obra, supervisando, comprobando e resolvendo as necesidades que van xurdindo”.

Este proxecto, financiado con fondos provinciais, abrangue unha actuación integral nas rúas Cela e Padrón, situadas na parroquia de Combarro, así como na travesía de Casalvito e nos seus ramais, en San Xoán. Estes viais, que conectan dúas das parroquias máis importantes do concello, rexistran un elevado tránsito peonil, tanto pola súa función como acceso a servizos esenciais como polo seu interese turístico, xa que se atopan próximos ao centro histórico de Combarro e forman parte do trazado da Variante Espiritual do Camiño de Santiago.

Ademais de facilitar o acceso á praia do Padrón, a actuación busca mellorar a integración destes espazos na súa contorna mediante o emprego de materiais respectuosos co patrimonio e coas características tradicionais da zona, que conta con elementos de gran valor cultural, como cruceiros e lavadoiros.

A obra contempla a renovación completa do pavimento e a creación dunha plataforma única sen barreiras arquitectónicas, co obxectivo de garantir a seguridade e a accesibilidade de todas as persoas usuarias. Tamén se prevé a instalación dun novo sistema de iluminación con tecnoloxía LED, o soterramento das canalizacións de subministración e a mellora da sinalización.

En conxunto, trátase dunha transformación que aposta por un modelo de mobilidade sostible, integrador e respectuoso coa identidade do lugar.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio