Ángel Moldes reafirma o seu compromiso coas familias durante a entrega da Caixa Benvida aos bebés nados nos últimos meses

15/07/2024

Esta mañá fixo entrega deste agasallo a máis de vinte familias, con nenas e nenos nados entre os meses de abril e xuño.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, entregou hoxe a Caixa Benvida aos vinteún nenos e nenas que naceron no municipio desde o mes de abril e que, segundo subliñou, “Saioa, Dylan, Luca, Iván, Valeria, Darío, Vega, Hugo, Nicolás, Lara, Claudia, Xiana, María Yuliana, Vega, Alaia, Hugo, Vega, Noa, Alexandra, Xián e Rodrigo forman xa parte importante do noso municipio”.

Nun acto no salón de plenos, no que participaron as familias dos bebés nados nos últimos tres meses, Moldes recordou que “un nacemento é sempre un motivo de ledicia e de orgullo para as familias, pero tamén para o noso concello, porque estes nacementos significan vida, crecemento e futuro”.

Un a un, Moldes fíxolles entrega da caixa benvida do Concello de Poio, “un pequeno agasallo que inclúe algúns produtos para axudarvos a comezar esta bonita viaxe”.

Así, reafirmou que “estamos empeñados en facer de Poio un lugar cómodo para nacer, para crecer, para vivir… Queremos un concello con oportunidades e con servizos de calidade”. Nesta liña, puxo en valor que “somos un concello mozo, no que a metade da nosa poboación ten menos de 45 anos e case o 12% son menores de 12 anos. Por iso, engadiu, “sabemos que necesitades espazos, servizos, iniciativas e medidos de apoio para mellorar a vosa calidade de vida. E por iso, tedes o noso compromiso de que estamos traballando para impulsar medidas e servizos que vos faciliten ese camiño, para facer de Poio un concello dinámico, de futuro e pensado para as familias”.

No último ano, o Concello de Poio xa entregou as caixas benvida a preto dun centenar de bebés. “Unha cifra moi importante, que nos indica que Poio está crecendo, que somos un concello novo e que temos que seguir nesta liña”, concluíu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio