A homenaxe que o Concello de Poio rendeu aos 30 anos de Protección Civil neste municipio contou coa participación de voluntarios que ao longo destas tres décadas formaron parte da agrupación.
Protección Civil de Poio cumpriu 30 anos ao servizo da veciñanza, e o fixo cunha homenaxe organizada polo Concello de Poio para agradecer “trinta anos de dedicación, de compromiso, de traballo, do esforzo de moitísimas persoas que ao longo deste tempo formastes parte da agrupación”, sinalou o alcalde, Ángel Moldes.
Durante o evento, no que se entregaron distintivos a preto de un centenar de persoas que foron voluntarias da agrupación nalgún momento entre 1994 e 2024, Moldes recoñeceu sentir “orgullo hoxe e sempre”, por Protección Civil e por cada un dos seus voluntarios. “Porque iso é o que sodes, persoas voluntarias que entregades o voso tempo para axudar aos demais de xeito totalmente xeneroso e sen esperar nada a cambio”.
Asi, recordou que son os primeiros que chegan en situacións de emerxencia, cos que sempre poden contar para calquera tipo de incidencia, desde inundacións, ata temporais, accidentes, extinción de incendios, pero tamén en todos os operativos de seguridade de eventos culturais, lúdicos e deportivos nos que velan “porque todo vaia ben, nos que transmitides confianza e tranquilidade mentres vós renunciades a disfrutar deles. Porque onde está Protección Civil de Poio, hai fortaleza, hai confianza e hai tranquilidade”.
Nun salón ateigado de numeroso público, entre os que tamén estiveron o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, así como representantes da corporación municipal, de colectivos locais e da comandancia da Garda Civil de Pontevedra, o alcalde recordou algúns dos momentos “complicados, duros e inesquecibles” nos que a súa contribución foi “exemplar e fundamental”, e referiuse aos incendios e inundacións de 1996, o accidente do Prestige, o tráxico afundimento do Novo Marcos ou a pandemia da COVID, entre outros. “Hoxe estamos todos aquí para darvos as gracias en maiúsculas, para devolvervos en cariño e agradecemento un pouco de todo o que vós nos aportades. Poio sempre estará agradecido con todos vós. A vosa axuda é infinita e invalorable”.
Pola súa banda, Manuel Vicente, o actual presidente da agrupación, destacou que “Protección Civil é un piar para o Concello de Poio”, e puxo en valor que ao longo de todos estes anos foi crecendo e profesionalizándose para estar “sempre en primeira liña, brindando o noso apoio e dedicación desinteresada”. Unha formación moi sólida en diferentes áreas de emerxencias, desde primeiros auxilios ata a xestión de grandes acontecementos que converteron a Protección Civil de Poio nun referente na provincia e en toda Galicia.
“Protección Civil de Poio é unha historia de amizade, de compromiso, de sacrificio, traballo e moita entrega para axudar á xente que nos necesita”, sinalou Vicente, quer recordou que a súa traxectoria “é un exemplo de como o traballo en equipo e o altruísmo poden marcar a diferencia na vida das persoas do noso concello”.
MÁIS DE 35 VOLUNTARIOS NA ACTUALIDADE
Na actualidade, Protección Civil de Poio está composto por máis de 35 voluntarios con idades que oscilan entre os 17 e os 66 anos. Hai persoas recentemente incorporadas, pero tamén outras como Víctor Lores, que leva na agrupación desde a súa fundación, ou Manuel Vicente e José Luis Castiñeira, que xa suman 28 anos, e Lucas García, 25.
Os seus inicios remóntanse a 1994 da man do Ateneo Corredoira, en Combarro. Dous anos despois, dá un salto cualitativo ao trasladarse á súa ubicación actual, na Reiboa, sendo xa o presidente Jaime Rial. Posteriormente, a agrupación estivo presidida por Jose Manuel Lores en 2008 e, desde 2015 e ata a actualidade, por Manuel Vicente.
Desde 1996 tamén os medios foron en aumento e incorporaron novos vehículos, camións e innumerable material que serve de apoio para as súas intervencións e dispositivos de seguridade. De feito, o acceso ao Centro Cultural Xaime Illa converteuse esta tarde nun espazo temático no que se expuxeron algúns dos materiais cos que traballan, así como os seus uniformes e algúns dos seus vehículos.