Ángel Moldes dá a benvida aos bebés nados no primeiro trimestre do ano

29/04/2024

Sinala que “a caixa simboliza a aposta deste Goberno polas familias e polos servizos que contribúen a mellorar a vosa calidade de vida”.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, recibiu esta mañá aos catorce bebés nados no municipio durante o primeiro trimestre do ano, para dárlles a benvida e facerlles entrega “dunha caixa que simboliza a aposta deste Goberno polas familias e polos servizos que contribúen a mellorar a vosa calidade de vida”, explicou.

Nun salón de plenos ateigado cos bebés, os seus pais, irmáns e algún avó, Moldes agradeceu a todos que “apostedes polo noso concello para establecer os vosos fogares e crear os vosos proxectos de vida”.

Por iso, trasladou os mellores desexos a Matías, Nico, Julio José, Dayana, Mara, Lucía, Noemí, Alejandra, Aitana, Ada, Asil, Alexandra, Lois e Manuel, e asegurou que desde o Goberno local “estamos traballando para darlles as oportunidades que merecen”.

A todos entregou unha caixa benvida, que hoxe estreaba novo deseño. “Un pequeno agasallo para demostrarlles que cada un deles xa son parte importante do noso concello”. Para crear as novas caixas o Concello de Poio volveu a apostar por traballar con empresas locais, neste caso Máis Deseño. A caixa benvida inclúe contos e outros produtos infantís para os coidados da primeira etapa, como por exemplo unha mochila, dous babeiros, un deles impermeable, e un doudou.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio