Ángel Moldes avanza na comisión mixta as accións para converter á Illa de Tambo nun referente

22/10/2024

Sinala que o obxectivo é conservar a illa e facela disfrutable dun xeito completamente sostible, garantindo en todo momento a súa preservación e respectando a súa historia.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, participou hoxe na quinta Comisión Mixta para o seguimento da cesión demanial da Illa de Tambo, xunto co comandante director Pedro Cardona e outros responsables da Escola Naval Militar de Marín e técnicos municipais.

Na reunión, celebrada na Casa do Concello, Moldes deu conta de todas as actividades desenvoltas durante este ano e as que están previstas de cara os próximos meses para converter Tambo nun referente medio ambiental, turístico e patrimonial respectuoso coa contorna. Nesta liña, insistiu Moldes, “queremos conservar a illa e facela disfrutable dun xeito completamente sostible, garantindo en todo momento a súa preservación e respectando a súa historia”.

Así, Moldes explicou ante a comisión que a Xunta de Galicia xa confirmou que actuará nos xacementos da Illa de Tambo para poñer en valor o seu patrimonio, cun primeiro investimento de 50.000 euros en 2025, o que permitirá dar continuidade aos traballos que se iniciaron hai xusto un ano. Así, levaranse a cabo unha serie de sondaxes nos restos arqueolóxicos para investigar sobre este xacemento e recompilar máis información. Xa naquelas escavacións de finais de 2023 se confirmou “o que xa se intuía”, sinalou, e se atoparon pezas e elementos patrimoniais que poderían corresponder cunha posible capela.

Ademais, tamén recordou que desde o Concello de Poio estanse realizando de xeito paralelo outras iniciativas para amosar o enorme potencial da Illa de Tambo, así como o seu valor natural, patrimonial, cultural e histórico. Así, explicou que continúan organizando as visitas guiadas á illa, visitas controladas e restrinxidas para asegurar a súa preservación e, neste senso, tamén indicou que estas semanas estanse desenvolvendo varios cursos para formar guías turísticos especificamente sobre Tambo.

A Illa, engadiu durante a súa explicación, tamén foi protagonista da primeira presentación de Poio en Fitur, na que salientaron que é un espazo descoñecido, que ten unha historia única, e da que os visitantes regresan con grandes recordos e experiencias que perdurarán na súa memoria.

Por último, tamén incidiu en que continúan avanzando na elaboración do ENIL e do Plan de Usos, dando pasos cara adiante nuns documentos que priorizan en todo momento o respecto máximo á natureza, conservación, protección e historia da illa.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio