A actuación na EP-0601 Portosanto-Campelo abrangue 1,1 quilómetros e inclúe a creación dunha nova senda peonil.
A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar por 1,7 millóns de euros as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo.
O proxecto conta cun orzamento total de 1,8 millóns de euros, financiado nun 80% pola Deputación de Pontevedra e nun 20% polo Concello de Poio.
A actuación desenvolverase ao longo dun tramo de 1,1 quilómetros e permitirá crear unha senda peonil de formigón coloreado de 2,50 metros de ancho na marxe dereita da estrada. Nos puntos nos que non sexa posible acadar esta anchura habilitarase unha zona de convivencia para favorecer a mobilidade e a seguridade das persoas peóns.
Os traballos inclúen tamén a execución de muros de sostemento, a creación de prazas de estacionamento, a mellora da drenaxe de augas pluviais, a renovación da iluminación pública e a reposición dos servizos afectados polas obras.
Esta intervención permitirá mellorar as condicións de seguridade e accesibilidade nunha das principais vías de comunicación do núcleo de Campelo.