O Concello avanza para cumprir este compromiso histórico coa veciñanza da Samieira e actuar no Covelo cun proxecto que dá prioridade ás persoas e pon en valor toda a contorna.
O Concello de Poio vén de adxudicar á empresa COVSA, por un importe de 240.000 euros, as obras de transformación do Peirao do Covelo, en Samieira. A actuación permitirá converter esta contorna nun espazo máis seguro, accesible e integrado, dando prioridade ás persoas e mellorando a mobilidade peonil, a ordenación do tráfico e a convivencia entre os diferentes usos.
A adxudicación supón un novo paso do Goberno local para facer realidade unha demanda histórica da veciñanza de Samieira. Unha vez concluída a transformación do acceso ao Porto de Raxó, o compromiso era continuar avanzando na mellora dos espazos portuarios do municipio coa actuación no Covelo, un proxecto que pronto comezará a facerse realidade. Unha vez que a empresa inicie a execución dos traballos, disporá dun prazo de seis meses para rematar as obras.
A transformación pretende dar prioridade ás persoas e poñer en valor toda a contorna, facendo do peirao un espazo máis amable, accesible, seguro e integrado. O proxecto é froito do diálogo e da colaboración entre o Concello de Poio, Portos de Galicia e a Consellería do Mar, que permitiu avanzar nunha solución moi pensada, traballada e comprobada sobre o terreo para dar resposta ás características e necesidades específicas do lugar.
A actuación contempla a reordenación integral do vial e a eliminación de barreiras arquitectónicas mediante a creación dunha plataforma única en formigón semipulido con acabado raiado, que permitirá diferenciar a zona de circulación rodada da peonil e mellorar a accesibilidade e a seguridade ao longo de todo o percorrido.
Ademais, actuarase sobre a rede de recollida de augas pluviais para evitar que as escorrentías continúen desembocando nas praias do Covelo e de Area da Barca, desviándoas cara á zona de escollera e rochas existente. O proxecto completarase coa instalación dunha varanda ao longo da fronte marítima ata a ponte do Rego de Covelo e coa renovación da iluminación pública en toda a rúa, reforzando a seguridade e a calidade do espazo.
A intervención permitirá resolver as deficiencias que presenta actualmente o peirao, como o desgaste do pavimento e a presenza de irregularidades, pero tamén vai máis alá dunha renovación física. A nova configuración permitirá recuperar e poñer en valor o Covelo como un espazo para as persoas, favorecendo a convivencia dos usos portuarios, residenciais, hostaleiros e turísticos e mellorando a experiencia tanto da veciñanza como das persoas que visitan esta contorna.