O Concello de Poio vén de executar traballos de mantemento na área arqueolóxica da Caeira, co obxectivo de mellorar a conservación do espazo e facilitar a súa visita.
As actuacións centráronse na substitución de todas as pezas de madeira deterioradas da senda de plataformas que permiten a observación dos petróglifos, así como na instalación de novos bancos de madeira para o descanso das persoas visitantes. Estes traballos responden a unha das demandas formuladas pola veciñanza. Ademais, completouse a intervención coa limpeza e desbroce integral da contorna, uns traballos que se desenvolven de xeito periódico ao longo de todo o ano.
A área arqueolóxica da Caeira está formada por un conxunto de oito rochas con gravados en granito datados na Idade do Bronce, hai aproximadamente 4.000 anos, constituíndo un dos espazos de arte rupestre máis relevantes do municipio.