Abertas as inscricións para os cursos da Aula Cemit de Combarro no mes de abril

27/03/2025

Prográmanse sesións de edición de textos, follas de cálculo, redes sociais, manexo do móbil intelixente, presentacións online, enderezo electrónico e edición de imaxes.

A Aula Cemit de Poio organiza para o mes de abril sete cursos novos de habilidades dixitais coas que continuar ampliando a súa oferta formativa, e que van desde edición de textos, follas de cálculo, redes sociais, manexo do móbil intelixente, presentacións online, enderezo electrónico e edición de imaxes. Todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou na propia aula situada en Combarro.

Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa e en horario de luns a venres, entre as 19.30 e as 21.00 horas. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.

A concelleira de Mocidade e Novas Tecnoloxías, Tamara González, apunta que a Aula Cemit de Poio ofrece durante todo o ano horas de formación gratuíta e acceso libre ao equipamento e conexión a internet, “para fomentar a igualdade de oportunidades na sociedade dixital e a conformación dunha cidadanía capacitada para utilizar servizos dixitais cada vez máis avanzados”.

CURSOS E HORARIOS

Con respecto ao curso Procesador de Textos Libreoffice writer, nivel medio, impartirase a próxima semana, entre o luns e o venres, de 16.30 a 18.00 horas. O alumnado aprendera a aplicar formatos avanzados, modificar as propiedades do documento, traballar en táboas e elementos gráficos e coñecer en máis profundidade as ferramentas que se empregan con máis frecuencia.

Tamén a semana próxima, entre o luns e o mércores, realizarase o curso Edición de Imaxes con Gimp, ás 18.00 horas, no que os participantes aprenderán a utilizar as ferramentas básicas de deseño e edición de imaxes para crear as súas propias compesicións.

Do luns 7 ao mércores 16 de abril impartirase o curso Manexo das Follas de Cálculo con LibreOffice Calc, de 16.30 a 18.00 horas. As follas de cálculo son, xunto co procesador de texto, unha das aplicacións máis empregadas, xa que se poden crear documentos que realizan cálculos de xeito automático e permiten a súa impresión, polo que son moi utilizadas na contabilidade, facturación e almacén, sendo unha ferramenta indispensable para o traballo de oficina.

Manexo das redes sociais organizarase esa mesma semana, en horario de 18.00 a 19.30 horas, e explicaranse as posibilidades que ofrecen as diferentes aplicacións para relacionarse e compartir experiencias.

Do luns 14 ao mércores 16 de abril celebrarase o curso “Iniciación ao Correo Electrónico Web”, unha ferramenta indispensable para comunicarse e enviar arquivos e información de todo tipo. Será de 18.00 a 19.30 horas.

Manexo do móbil intelixente e da tableta impartirase entre o luns 28 e o mércores 30, tamén en horario de tarde, entre as 16.30 e as 18.00 horas., Explicarase o seu manexo, como chamar, acceder a internet, sacar fotos e compartilas con outras persoas, etc.

Os mesmos días, pero de 18.00 a 19.30 horas, organizarase o curso Presentacións online, no que se ensinará o manexo de diferentes aplicacións online para crear presentacións sinxelas, dinámicas e interactivas coas que captar a atención do público e amosar rapidamente os puntos principais da nosa exposición.

A maiores destes cursos, tamén se reserva unha sesión para realizar a proba de aproveitamento dos cursos online EMA, que será o venres 11, de 18.00 a 20.00 horas e que permitirá obter o diploma dos cursos realizados na plataforma de teleformación da Aula Cemit.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio