ABERTAS AS INSCRICIÓNS NOS SETE CURSOS GRATUÍTOS QUE A AULA CEMIT DE POIO ORGANIZA EN XANEIRO

14/01/2024

2023.

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, organiza para o mes de xaneiro sete cursos de habilidades dixitais coas que continuar ampliando a súa oferta formativa. Todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web https://cemit.xunta.gal, no correo cemit.poio@xunta.gal ou no propio centro, situado en Combarro.

En total, a aula de novas tecnoloxías ofrecerá durante o mes de xaneiro máis de 50 horas de formación, divididas en sete cursos que engloban desde iniciación á informática e internet, ata deseño de carteis e folletos, follas de cálculo nos niveis iniciación e medio, videoconferencias e correo electrónico. Estes cursos están destinados a maiores de 14 anos e impártense presencialmente na propia aula, na que este mes de decembro se renovaron os ordenadores con equipos de última tecnoloxía. Nas inscricións terán preferencia as persoas residentes en Poio.

Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, que reabrirá o 8 de xaneiro, e sempre con cita previa. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades.

CALENDARIO E HORARIOS

Entre o 15 e o 19 de xaneiro impartirase o curso Iniciación á informática, entre as 16.00 e as 17.30 horas, co que se pretende que o usuario obteña os coñecementos básicos para manexar un ordenador: desde acender e apagar correctamente o computador, ata familiarizarse co contorno gráfico e o uso de carpetas.

Esa mesma semana celebrarase tamén o curso Iniciación ás Follas de Cálculo, de 17.30 a 19.30 horas, unha aplicación que, xunto co procesador de texto, é das máis empregadas porque se poden crear documentos que realizan cálculos de xeito automático e permiten a súa impresión, polo que son moi utilizadas na contabilidade, facturas de almacén ou como ferramenta indispensable en traballo de oficina. O nivel medio impartirase do luns 22 ao venres 26 de xaneiro, de 17.30 a 19.30 horas.

Tamén entre o 22 e o 26 de xaneiro desenvolverase a formación Iniciación a internet, de 16.00 a 17.30 horas, que ofrecerá ao alumnado ferramentas para navegar pola rede e facer procuras sinxelas.

Iniciación ao correo electrónico impartirase entre o 29 de xaneiro e 1 de febreiro, e explicará como crear unha conta persoal, o seu funcionamento, ver os correos recibidos, respondelos ou enviar un novo, así como engadir e xestionar contactos e a axenda.

O mesmo 1 de febreiro, ás 16.00 horas, está previsto que se organice o curso Videoconferencias online a través de diferentes plataformas, e verase como é o seu funcionamento, servizos e posibilidades que ofrecen cada unha delas.

Por último, Deseño de carteis e folletos con Scribus impartirase entre o luns 29 e o venres 2 de febreiro, e permitirá aprender o manexo dun programa específico para crear este tipo de documentos e deseños artísticos ou incluso outro tipo de impresións. O horario será de 17.30 a 19.30 horas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio