Abertas as inscricións nos oito cursos gratuítos que a aula CeMIT de Poio organiza en abril

25/03/2024

A Aula Cemit de Poio organiza para o mes de abril oito cursos de habilidades dixitais coas que continuar ampliando a súa oferta formativa. Todas as actividades son gratuítas, e as inscricións para participar xa están abertas a través da páxina web cemit.xunta.gal, no propio centro, situado en Combarro, ou no correo cemit.poio@xunta.gal.

Entre as principais novidades este mes inclúense unha charla sobre ciberseguridade, o xoves 4; un taller de mecanografía, para mellorar a velocidade e precisión, que será o entre o 11 e o 25 de abril; cursos destinados para as persoas maiores, con ferramentas para exercitar a memoria a través de internet, que se impartirán todos os venres de abril; así como talleres para busca de emprego ou para realizar compras e vender a través da rede.

Estes cursos están destinados a maiores de 14 anos e impártense presencialmente na propia aula. Nas inscricións terán preferencia as persoas residentes en Poio.

Ademais, calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula a través da Aula Aberta, sempre con cita previa. As asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realización de actividades. A aula libre estará dispoñible todos os mércores, de 16.00 a 20.30 horas.

O curso de iniciación de Libreoffice writer desenvolverase os luns e martes, entre o 1 e 16 de abril, mentres que o nivel avanzado impartirase entre o 22 e 30 de abril. En ámbolos dous casos, de 16.30 a 19.00 horas. A través deste curso, o alumnado aprenderá a crear, editar, gardar e imprimir documentos, e xa no nivel avanzado utilizará outro tipo de ferramentas para inserir imaxes, táboas e gráficos, elaborar horarios, calendarios, cartas de presentación e outro tipo de arquivos.

CALENDARIO E HORARIOS

O xoves 4 impartirase unha charla sobre Ciberseguridade, cun experto nesta materia da Universidade da Coruña. Verán varios exemplos prácticos e os erros máis frecuentes. Será ás 16.00 horas.

Exercita a túa memoria en Internet e Ocio en internet impártese todos os venres de abril. No primeiro caso, o curso comeza ás 16.30 horas e está destinado ás persoas maiores para favorecer a estimulación cognitiva a través de internet. Ocio en internet impártese ás 19.00 horas, e o alumnado aprenderá a manexarse en páxinas de xogos online de xeito seguro, realizarán puzzles para mellorar o seu desenvolvemento cognitivo e emocional, así como chats e redes sociais.

Compras en internet organízase o luns 8 e martes 9 de abril, de 19.00 a 20.30 horas. O usuario aprenderá a manexar as pasarelas de pago, tipos de tarxetas bancarias, marketplaces, claves para comprar de xeito seguro.

Os xoves 11 e 18 de abril impártese un obradoiro con recomendacións para a busca de emprego por internet, de 16.30 a 19.00 horas.

O curso de mecanografía, para mellorar a velocidade con exercicios para aprender de xeito fácil e eficaz, celebrarase os xoves 11, 18 e 25 de abril, de 19.00 a 20.30 horas.

Por último, Vendas en internet desenvolverase o luns 29 e martes 30, de 19.00 a 20.30 horas, e incidirá nas recomendacións para poñer un produto á venda en internet, de xeito seguro, a través de páxinas e plataformas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio