Poñen en valor a coincidencia dos dous campionatos como “un atractivo engadido que sitúa a Poio no mapa do motor nacional”.
Poio converterase esta fin de semana no epicentro do motor en Galicia coa celebración da XXV Subida á Escusa, unha das probas máis emblemáticas do calendario autonómico, que nesta edición acada unha participación récord de 75 pilotos. Trátase dun fito que consolida o crecemento desta cita, convertida xa nun referente tanto polos seus valores deportivos como polo apoio crecente da afección.
Nesta edición, a proba presenta unha novidade histórica: por primeira vez coinciden nela a celebración do Campionato Galego de Montaña e da Copa de España, sendo a única proba en Galicia que acolle esta última competición. Esta conxunción supón un importante recoñecemento ao prestixio da Subida á Escusa, que transcorre por un trazado de 3,3 quilómetros.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a presidenta da escudería e directora de carreira, Noemí Blas, presentaron esta mañá a proba, acompañados do delegado de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Benavides, e do presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño.
Moldes destacou que “é unha proba moi importante para o noso concello, con moito arraigo en toda a provincia e que contribúe de forma notable á dinamización económica do municipio”. Así, puxo en valor a coincidencia dos dous campionatos como “un atractivo engadido que sitúa a Poio no mapa do motor nacional”.
Desde a Xunta de Galicia, Daniel Benavides recoñeceu o “cariño especial” que lle ten a esta proba, “que é máis ca unha cita deportiva, é un sentimento arraigado nunha zona que dá nome á proba”, á que chegou da man do actual alcalde e da que dende entón se declara un apaixonado.
Pola súa banda, Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo, tamén estivo presente no acto e subliñou o bo momento que vive este deporte: “Estamos a ver un crecemento constante nos rallies de montaña, cun incremento ano tras ano de participación, como demostra esta edición da Subida á Escusa”.
O venres 13, a partir das 18.00 horas, comezarán as verificacións técnicas e administrativas opcionais, mentres que a competición desenvolverase o sábado 14 e o domingo 15. A quenda de adestramentos do sábado comezará ás 15.00 horas, seguida de dúas mangas. O domingo os motores acenderanse ás 9.00 horas co mesmo formato, unha quenda de adestramento e, posteriormente, dúas mangas de competición.