A actuación dará resposta a unha demanda histórica e desenvolverase en tres ámbitos para completar os itinerarios peonís, mellorar a conexión entre parroquias e habilitar espazos máis seguros. O prazo para presentar alegacións abrirase tras a publicación do proxecto no DOG, prevista para os vindeiros días. Xunta e Concello explicaron que o proxecto foi deseñado a pé de rúa, escoitando a veciñanza e tendo en conta as características da contorna.
O Concello de Poio e a Xunta de Galicia mantiveron hoxe unha reunión coa veciñanza para presentar o proxecto de mellora da seguridade e da accesibilidade peonil na PO-308, entre Combarro e Samieira, e resolver as dúbidas sobre a actuación. Segundo o cronograma previsto, as obras comezarían no segundo semestre de 2027, unha vez rematado o trámite de información pública e licitados e adxudicados os traballos.
Durante o encontro, celebrado no local da Comunidade de Montes de Combarro, os técnicos da Xunta explicaron polo miúdo os tramos dunha actuación que permitirá mellorar a seguridade e a mobilidade das persoas que se desprazan a pé ou en bicicleta. A nova senda terá unha lonxitude de 2,5 quilómetros e facilitará estes desprazamentos nunha estrada pola que circulan arredor de 15.000 vehículos ao día.
Xunta e Concello explicaron que o proxecto foi deseñado a pé de rúa, a partir do coñecemento do territorio, da escoita á veciñanza e da análise das características da contorna e das necesidades trasladadas ao longo dos anos.
Así mesmo, lembraron que o prazo para presentar alegacións se abrirá tras a publicación do proxecto no Diario Oficial de Galicia (DOG), prevista para os vindeiros días.
A intervención desenvolverase en tres ámbitos, co obxectivo de completar os itinerarios existentes e facilitar os desprazamentos a pé en condicións de maior comodidade e seguridade.
Na contorna de Combarro habilitarase un espazo específico para a subida e baixada de pasaxeiros dos autobuses, que permitirá mellorar a organización do tránsito nunha parroquia que recibe numerosos visitantes ao longo de todo o ano. Na zona das escaleiras de baixada á praia construirase unha pasarela elevada sobre estas para garantir a continuidade do itinerario accesible, mantendo a funcionalidade e o uso da escalinata.
En Chancelas, a actuación mellorará a seguridade dos desprazamentos a pé cara ao colexio e ao cemiterio parroquial, atendendo unha demanda reiterada da veciñanza. Para iso, habilitaranse espazos que separen os percorridos peonís da circulación de vehículos e eviten que os peóns teñan que transitar pola propia calzada, como sucede na actualidade. Na contorna do cemiterio tamén se habilitarán zonas de estacionamento máis seguras para autobuses e vehículos particulares.
O terceiro ámbito de intervención permitirá mellorar a conexión entre Combarro e Samieira, completando os itinerarios peonís e facilitando a comunicación entre ambas as parroquias.
Para garantir a continuidade do percorrido, proxéctanse dous novos pasos de peóns nos puntos quilométricos 6+250 e 8+160. Ambos contarán con pavimento podotáctil e coa sinalización horizontal e vertical correspondente, de acordo coa normativa vixente de accesibilidade e sinalización.
O trazado da senda coordinarase coa disposición de bandas de aparcamento en liña para vehículos lixeiros e autobuses, co obxectivo de evitar que os vehículos estacionados invadan o itinerario peonil.
O proxecto mantén as paradas de autobús actuais e prevé habilitar, sempre que o espazo o permita, apartadoiros para que a subida e baixada de viaxeiros non interrompa a circulación. Os accesos e as saídas destes espazos deseñaranse para facilitar as manobras dos autobuses, e as paradas contarán con pavimento podotáctil e sinalización vertical conforme á normativa de accesibilidade vixente.
Segundo salientou o alcalde, Ángel Moldes, durante a reunión, o proxecto dará resposta a reivindicacións históricas da poboación e permitirá avanzar na creación de itinerarios peonís seguros, mellorando a conexión entre núcleos e parroquias.
Coa execución deste proxecto, financiado pola Xunta de Galicia, practicamente toda a PO-308 entre Raxó e A Barca contaría con itinerarios seguros para peóns. Quedaría pendente a segunda fase da humanización, entre Casal de Ferreirós e Casa Solla, que daría continuidade á actuación actualmente en execución na Barca.
Moldes subliñou, ademais, que esta actuación se complementará co inicio, nos próximos días, das obras de reforma do peirao do Covelo, en Samieira. Estes traballos permitirán mellorar as condicións de accesibilidade e tránsito na contorna, así como renovar o propio porto.