A VARIANTE ESPIRITUAL E O PASEO COSTEIRO ENTRE A SECA E LOURIDO XA LOCEN COS DISTINTIVOS QUE OS RECOÑECEN

12/01/2024

2023. O alcalde de Poio, Luciano Sobral, procedeu este mércores a realizar o izado dos dous Sendeiros Azuis cos que neste 2023 contará o concello de Poio, feito que se produce por primeira vez. Cómpre lembrar que este distintivo de calidade outórgao a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac) e serve para recoñecer os recursos ambientais, naturais e lúdicos que presentan espazos ao aire libre como paseos ou sendas. Ao acadado por primeira en 2022 para o sendeiro litoral que vai desde A Seca e Lourido, nesta ocasión tamén o tramo da Variante Espiritual do Camiño Portugués, que na súa primeira etapa pasa por parte do termo municipal poiense, ata chegar ao Mosteiro da Armenteira, situado en Meis, partido desde o lugar de Fragamoreira, no límite con Pontevedra.

Neste último caso, o distintivo foi izado no Parque da Memoria, unha das zonas polas que cada ano un gran número de peregrinos e peregrinas pasan para cubrir este tramo do devandito Camiño Portugués. O alcalde Sobral entende que este emprazamento é o ideal para que luza a bandeira do Sendeiro Azul, ao ser tamén “un punto de encontro moi habitual da veciñanza, que acolle os monumentos deseñados polo noso Fillo Adoptivo de Poio Adolfo Pérez Esquivel”. A Variante Espiritual permite ás persoas que fan esta parte alternativa do Camiño Portugués coñecer lugares como o Mosteiro de San Xoán, a fachada costeira entre A Seca e Combarro, o Casco Histórico do propio Combarro e a Ruta dos Miradoiros que vai desde esta parroquia ata o límite con Meis.

Con respecto ao segundo Sendeiro Azul, repite o paseo circular, de preto de 5 quilómetros de extensión, que sae, precisamente, desde o Parque da Memoria da Seca e chega ata Lourido. A través desta senda pódense visitar e coñecer diferentes lugares de interese, como a área recreativa da Reiboa, o paseo da Ostreira ou o peirao de Campelo. Esta zona conta con varios miradoiros sobre a ría de Pontevedra. Precisamente, é no máis próximo ao porto de Campelo no que se iza o distintivo de calidade, repetindo así o emprazamento do ano pasado.

O alcalde Sobral incide na importancia que supón contar con este tipo de recoñecementos, porque “dan un valor engadido e unha maior visibilidade a dous dos grandes atractivos cos que contamos no noso concello e dos que podemos gozar durante os doce meses do ano”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio